Cando Internet é un problema no medio rural 

Luis R. Patiño

XERMADE

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2 de outubro de 2015, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba unha Lei de Procedemento Administrativo que obrigaba a telematizar o traballo das administracións e que entraría en vigor un ano despois, en outubro de 2016. É dicir, que dende hai 3 anos as entidades asociativas e persoas xurídicas deben relacionarse coa Administración por vía telemática, proceso que tamén se está dando cada vez con máis forza coas persoas físicas.

En Galicia isto está a crear un serio problema que converte ás persoas que viven no rural en cidadanía de segunda en comparación coa xente que vive nos grandes núcleos urbanos, xa que a posibilidade de relacionarse telematicamente coa Administración é moi desigual dependendo de onde residas. Nun país coma o noso, onde a cobertura de Internet e telefonía deixa moito que desexar nas zonas rurais, onde a poboación do campo está moi envellecida e moita non sabe usar nin posúe teléfonos móbiles ou ordenadores, telematizar os procedementos administrativos condena a unha parte moi importante da poboación a ter que contratar os servizos dunha xestoría para poder facelo.

Como crego rural denuncio que as relacións da Xunta de Galicia cos seus administrados e administradas sufriron un grave deterioro no último ano por todo o devandito. Cidadáns e de cidadás están a perder servizos e dereitos por non poder acceder a eles por vía telemática. A Xunta ten a solución. Que invista realmente no rural. Ademais está obrigada a garantir os dereitos daquelas persoas que por calquera causa non poden realizar xestións por vía telemática. E para iso debe garantir que esas persoas poidan facer calquera trámite directamente con persoal funcionario. No eido agrario téñeno doado: dotar de recursos suficientes oficinas para que os labregos e labregas que o precisen, especialmente os de idade máis avanzada, poidan realizar alí calquera xestión ou trámite directamente.