Vilaxoán despide a Peli, o mariñeiro que apareceu no radar da Real Sociedad e do Sporting de Gijón

OBITUARIOS

Pai do internacional Óscar Marcos, Jorge xogou no San Martín e foi dos primeiros rapaces do club de remo do seu pobo
17 abr 2025 . Actualizado a las 20:48 h.O pobo de Vilaxoán despediu e chorou esta semana a un dos seus. Porque entre as facetas que definían a Jorge Marcos Franco, din os que o coñeceron ben, estaba a de levar a Vilaxoán no sangue. Un sentimento de pertenza ao lugar e ás xentes entre as que naceu, entre as que medrou e entre as que fixo os seus demasiado curtos 52 anos de vida, traducido na súa participación nos dous clubs que condensan a esencia da localidade que linda ao norte con Vilagarcía e ao sur con Vilanova chamando a atención de grandes prazas do fútbol español no seu día. Como o está a facer hoxe o seu fillo Óscar, xogador do Celta Fortuna, internacional con España en sucesivas categorías base, e chamado a participar este verán co combinado hispano no Europeo Sub-19, logo de resultar decisivo na súa clasificación.
Foi Jorge Marcos, coñecido entre os seus coma Peli, un dos primeiros rapaces que, a mediados dos anos 80, se enrolaron na tripulación coa que Francisco Muñiz, Machote, lle insuflou vida ao Club de Remo Vilaxoán. Botou tres anos remando de infantil e de cadete no batel. «Con el nunca deixabamos de gañar», recorda Chico Alcalde, compañeiro no seu momento e posteriormente presidente do club, falando da liga local que disputaban daquela contra dous equipos de Carril e contra o Liceo Marítimo de Vilagarcía. «Tiña unhas condicións atléticas excepcionais. Non gañaba nunca peso, era fibroso e resistente». Pero chegado un momento, tivo que decidirse entre o remo ou o fútbol que viña compaxinando ata entón. E apostou por este último antes da súa pronta retirada.
E é que se no mar sobresaía polas súas virtudes e rendemento físico, en terra Jorge Marcos era un portento. Con 15 anos xa sacaba a cabeza no primeiro equipo do San Martín, co que chegou xogar na Preferente. Dianteiro centro, «era un goleador nato. Era unha pasada velo xogar. De costas á portería, en canto se xiraba sabía por onde pegarlle para marcar», comenta Jorge Soto, outro home da súa quinta e hoxe directivo dun San Martín que chegou recibir chamadas da Real Sociedad e do Sporting de Gijón interesándose polo home gol de Vilaxoán.
A vida non quixo levar a Jorge aos grandes estadios. Mariñeiro como toda a súa familia, bateeiro nos últimos anos, puido con todo experimentar a parte máis bonita do fútbol vendo o crecemento espectacular desa parte dun mesmo que é un fillo. Desde a chegada de Óscar á canteira do Celta, sendo inda benxamín, Jorge non deixou de asistir a todos os seus partidos, de gozar coa súa progresión con España, e de verse reflectido na súa forma de correr o campo, que cantos o viron xogar a el din que é idéntica á do seu pai.
Jorge contaba ir ver a Óscar esta semana en Balaídos no duelo entre o Celta Fortuna e o Tarazona. Foi antes de que o domingo unha grave enfermidade acabase gañando de penalti inexistente o seu partido de dous anos. A súa muller, Patricia, os seus fillos, Andrea e Óscar, e o seu neto, Hugo, sempre saberán cal tería sido o resultado xusto.