
IN MEMORIAM | Finou ou finalizou a súa curta e fráxil vida de mortal Elizabeth Núñez
22 abr 2025 . Actualizado a las 19:53 h.Finou ou finalizou a súa curta e fráxil vida de mortal Elizabeth Núñez. Marchou de nós sen nos avisar á temperá idade de 53 anos. Era a muller, compañeira e complemento do poeta máximo e total Miguel Anxo Fernán Vello, que hoxe a chora desconsoladamente, ao que os seus amigos teremos que acompañar e axudar, como el, bo e xeneroso, o faría con nós no caso de que a parca nos visitase —pode facelo en calquera momento— en tan brutal e doloroso golpe.
Un servidor, que non ten a sorte de ser crente (non creo en Deus, pero o boto moito de menos), consolarase pensando na certeira e máxica frase «nunca se morre de todo, porque a vida dos mortos está na memoria dos vivos» (Cicerón dixit ou dixo).
Recordarei con todo o meu agarimo ou, o que é o mesmo, volverei pasar polo meu corazón, de recordis (latín cor/cordis ‘corazón') a amiga defunta Elizabeth, que era un sol que brillaba, sen pretendelo, na carballesa rúa do Sol, na Editorial e Galería de Arte Espiral Maior, onde traballaba xunto ao seu compañeiro e cómplice Miguel Anxo, ao que estes días le duele hasta el aliento (Miguel Hernández dixit).
Elizabeth non volverá, porque xa vive, ausente de toda dor, no Alén, pero quedará nos nosos corazóns, como nós quedaremos nos de outros vivos, cando esteamos mortos, e así sucesivamente, polos séculos dos séculos, amén.