MARÍA XOSÉ QUEIZÁN. TIRAR DO FÍO.
22 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.«Dúas mil razóns para marchar» é o lema adoptado pola Marcha Mundial das Mulleres 2000 contra a pobreza e a violencia. A idea xorde da Federación de Mulleres de Quebec que xa organizara no ano 95 unha marcha de mulleres contra a pobreza baixo a consigna: Pan e rosas.Despois, no ano 1998 en Montreal, nunha xuntanza con asistencia de mulleres de 65 países, comeza a xestarse esta marcha mundial, autoconvocada polos movementos de mulleres, que na actualidade alcanzan xa máis de 3.000 asociacións do planeta, coa pretensión de: estimular a solidariedade internacional entre mulleres; promover a igualdade entre mulleres e homes; demandar dos gobernos e da sociedade civil que melloren as condicións de vida das mulleres; pór de manifesto, no novo milenio, a determinación das mulleres a cambiar o mundo.A marcha proclama dous obxectivos fundamentais: eliminar a pobreza (maioritariamente feminina) e eliminar a violencia sexista. Para iso cómpre presionar ao Fondo Monetario Internacional, ao Banco Mundial e á ONU.As mulleres europeas darémonos cita o 14 de outubro en Bruxelas. As mobilizacións mundiais serán en Washington, o día 15 do mesmo mes, para desfilar diante do Banco Mundial e do FMI. O gran mitin será o día 17 (Día Mundial contra a Pobreza) en Nova York, ante a ONU, onde unha delegación será recibida por Kofi Annan, o seu secretario xeral, quen, nesa altura, terá xa recibido millóns de firmas de mulleres e homes apoiando estas reivindicacións.Para iniciarmos as actividades, na Galicia convócanse concentracións o día 24 de maio nas sete principais cidades galegas e na vila de Cee. Non se puido escoller mellor día. Ese é o día da Muller Antimilitarista. As mulleres, e as criaturas, son as principais víctimas das guerras e nelas as violacións son como botíns. Ademais a producción e o comercio de armas aumenta e os recursos empregados na industria armamentística e nos exércitos limita os recursos para alimentar ás poboacións. Na India, por exemplo, resulta escandaloso o gasto para as armas atómicas mentres a poboación morre de fame. Pero en España tamén os gastos militares non deixan de incrementarse mentres se reducen os orzamentos para o gasto social, tan necesarios. Asistamos unidas ás concentracións do día 24 para preparar aquí á Gran Marcha Internacional.