OS MÁIS VENDIDOS

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL. PÁXINAS SOLTAS

25 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

As feiras do libro empezan nestes días en moitos lugares do país e non está de máis reflexionar un pouco sobre este fenómeno mercantil-cultural. Para comezar: unha das actitudes que me parecen máis falsas é o desdén con que algúns escritores de poucas vendas falan dos colegas que venden moito. Os escritores de best sellers serían, en opinión desta xente, unha especie de caste de segunda categoría literaria: escritores populares, de consumo, que non están á altura olímpica na que, ó parecer, se moven eles. Publicidade Dase o caso curioso de que ningún de cantos manifestan ese desprezo o fan estensible ós recursos da publicidade, xa se trate de anuncios nos periódicos, de presentacións chamativas ou de aparicións na radio ou na televisión. Desdeñan as vendas dos outros, pero fan todo o posible para vender máis eles. ¡Cousa curiosa! Outra consideración que hai que facer é que non se pode meter no mesmo saco a todos os éxitos de ventas. Best seller foi no seu tempo Don Quijote, e segue a selo, igual que Veinte poemas de amor y una canción desesperada de Neruda, ou Cien años de soledad de García Márquez. E xa me dirán se non son todos eles literatura de primeira calidade. La fiesta del chivo de Vargas Llosa está nas listas de libros máis vendidos, ¿quere dicir esto que é peor que Conversación en la catedral, por exemplo? Obviamente, non. Probablemente ese desdén indiscriminado ante os éxitos de vendas sexa unha forma de consolarse do desdén do público ou do das editoriais, que miman ós seus números uns e fanlle pouco caso ó resto. Case todos os que venden menos pensan que se trata dunha cuestión de publicidade, ou sexa, que tamén eles ben promocionados se converterían nun despreciable best seller. Divertido, ¿non? En fin, cada un consólase como pode. Eu, cando levo moito rato sen firmar un libro, comezo a repetir en mente, como unha oración: «Van Gogh vendeu en toda a súa vida un só cadro». Prefiro esto a enganarme a min mesma rebaixando a calidade literaria dos autores de éxito.