CORNELIO

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CHAO REGO Ó ABEIRO DA FE

26 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Nace a Igrexa. Para o Imperio Romano é unha secta nazarena da relixión xudía, lícita segundo a lei romana. O conflicto non é aínda cos pagáns, senón que se dá entre cristiáns de cultura e fala grega _helenistas_ e xudeus hebreos ou xudaizantes. O centro das comunidades cristiás é Xerusalén, a onde os discípulos do Xesús se desprazan agardando pola volta do Señor. Pedro é o dirixente máis significado, pero con el rivaliza, consonte á lei sucesoria dos hebreos, Santiago o Menor, irmán de Xesús. Pedro acode onda un centurión ou capitán do Exército romano, que o mandou chamar para convidalo a xantar; por tres veces, ¡ai galo cantareiro!-, tivo unha visión de que había que comer de todo, mesmo alimentos prohibidos para os xudeus (cap.11 do Libro dos Feitos dos Apóstolos). A comunida de Antioquía, en Siria, máis carismática e dinámica cá de Xerusalén, dera pasos máis decisivos baixo a guía aperturista de Bernabé e de Paulo, pero uns tadicionalistas, espías de Xerusalén, denuncian que os antioquenos prescinden da circuncisión coma obriga previa ó bautismo; estes fundamenalistas «prepucianos» (cap. 15) forzan un conciliio; mellor, unha asemblea extraordinaria. Mentres o grupo de Paulo e Bernabé representa a solución avanzada, os de Xerusalén, parentes de Xesús, amósanse integristas; queda o terceiro grupo, o de Pedro, que busca a conciliación, cedendo no accidental. Ben lle cadra á Igrexa que, xunto ó principio petrino ou de autoridade de Pedro goce da audacia paulina. Moitas veces esquecemos que a imaxe da Igrexa romana é dobre: dun Pedro con autoridade e dun Paulo preñe de liberdade.