FIN DE CURSO

La Voz

OPINIÓN

MAR DE FÓRA / Víctor F. Freixanes

16 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Discusión na facultade sobre a responsabilidade social dos xornalistas. Non nos poñemos de acordo. ¿Que é a verdade? ¿O que contan cada día os xornais? ¿O que está detrás e non vemos (Porque tampouco nolo deixan ver)? ¿Que responsabilidade teñen sobre o producto final os que traballan día a día no oficio de informar e, polo tanto, constrúen decote a realidade social (a nosa percepción da realidade)? Non están mal estas reflexións a fin de curso, cando unha nova promoción de xornalistas está a piques de saír das aulas. «Unha recomendación para sobrevivir», pídenme os que se licencian. Entusiasmo. Paixón pola verdade, aínda sabendo que non sempre é posible contala. E non perder os principios. Sobre todo non perder os principios. Acúsanme algúns colegas de utilizar unha palabra demasiado solemne. ¡A verdade! ¿Quen ten a verdade? ¿Quen pode presumir de tal? Polas mesmas datas, no Colexio de Avogados de Santiago, Iñaki Gabilondo fala do mesmo: a razón esencial do xornalismo está en contar as cousas como son, ou como nós (os xornalistas) entendemos honestamente que son, sen condicionamentos espúreos. Existen mecanismos para facelo (procedementos profesionais) que deben ser esixidos polas empresas (e deberían ser esixidos sobre todo polos cidadáns). Ou o xornalismo se fundamenta na busca da verdade dos feitos (a veracidade) ou non falamos de xornalismo, falamos doutra cousa: espectáculo, mercado de audiencias, tráfico de influencias, manipulación, márketing comercial... Os tempos non son os mellores, certamente. Pero tampouco é nova a leria. Airas Nunes, poeta do século XIII, xa se facía estas preguntas. Vivimos unha fase de aceleración do crecemento, fundamentada na alta competitividade e na rendibilidade a curto prazo, que afecta seriamente ó sistema de valores. Os valores éticos (democráticos), que ata hai pouco eran tamén estéticos, hai tempo que están a ser substituídos polo éxito social, o pragmatismo acrítico e a notoriedade a calquera prezo. Case todo vale. No río revolto traballan os pescadores de sempre. ¿Cal é a responsabilidade social (a épica, ¿por que non?) do xornalismo, tanto das empresas coma dos profesionais? ¿Como afianzar e soster o sistema democrático sen o mecanismo libre, responsable, crítico e independente da información? Unha vez máis estamos a falar da modernidade.