ANTÓN REIXA Permítaseme que, por unha vez, imite torpermente ó meu amigo Carlos Casares e escriba sobre cousas que me pasan. Pero nos últimos días, Ortigueira e o seu Festival do Mundo Celta é o único que ocupa a miña cabeza, o meu corazón e os meus pés inchados. Se cadra, os nosos antepasados celtas e tercos empeñáronse en retrasar a romanización deste territorio e por iso nós somos e estamos no mundo diferenciadamente por culpa diso.
16 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Os romanos foron un preludio da prepotencia do 7º de cabalaría dos ianquis e na Galicia castrexa toparon o seu Vietnam. Co que seguro non contaron aquelas tribus galaicas foi con esta reencarnación feliz e festiva do celtismo en litrona e con compases binarios de música entusiasta. O Festival de Ortigueira debería figurar na historia por dous factores extraordinarios. Un sería a clarividencia dos seus fundadores (Garrote, Bermúdez e outros) cando hai vintedous anos materializaron a súa intuición coa primeira edición. O outro factor excepcional é a xenerosidade dos ortegáns que entregan o seu pobo a milleiros de visitantes para que disfruten da festa. Ortigueira é moito Ortigueira.