CARLOS CASARES Á MARXE
21 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Hai un príncipe árabe, que non recordo como se chama, pero que ten arredor de vintecinco anos, o cal mandou construír un palacio no que leva gastados máis de 5.000 millóns de dólares, cifra que nunha economía humana equivale a algo parecido a eses números que manexan os astrónomos cando falan de anos-luz. A metáfora parece válida, porque a distancia que separa a opulencia do citado personaxe da xente común debe ser sideral. Nesa escala, aínda un millonario español, por rico que sexa, podería considerarse pobre de pedir. Como parte do palacio, o príncipe fixo construír unha réplica da Alhambra de Granada, sen aforrar detalles, incluído o desgaste dos pisos, eso si, suprimindo destes últimos o nome de Alá, porque o home debe ser creente. Fáltalle, sen embargo, algo fundamental, o río Darro. Supoño que o podería mercar e trasladalo enteiro ó seu país, aínda que seguramente non estará en venda. Digo esto porque, no caso de que fose só unha cuestión de cartos, todo tería arreglo: subir un pouquiño máis o prezo do petróleo. Para nós, unhas pesetas menos; para el, o río que non ten.