VEINTE DÍAS DE NOVIEMBRE BENXAMÍN CASAL, foi parlamentario autonómico
07 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.A frase, coa que Franco pretendeu defini-la permanencia do réxime cando el desaparecera, reflectiu moi ben as esperanzas e os temores de franquistas e demócratas. Os partidarios do xeneral desexaban que tivese cumprimento para seguir gozando dos privilexios que o sistema lles ofrecía. Os contrarios á dictadura non podían atura-la idea da continuidade e esperaban que aquel poder concentrado se fraccionase e permitise ós pobos, ás nacionalidades e ós individuos desenvolverse en liberdade. Non foi no ano 1975, non foi de súpeto, senón paseniño e por partes, pero, á morte do xeneral Franco, comezou a desfacerse o enorme aparato de poder que arredor del tiña. Durante uns anos vimos como se viña abaixo todo o atado e ían nacendo as institucións democráticas, uns novos poderes, que por ser menores, non podían asoballar ós cidadáns e que se contrapesaban para garanti-lo equilibrio. Vintecinco anos despois, está nacendo unha nova corrente concentradora de poder. Por unha banda, dende o poder executivo condiciónase a actividade do poder lexislativo e a do propio poder xudicial. Por outra banda renace a concentración económica nos sectores que no franquismo foron monopolios ou oligopolios, pero agora coa falaz lexitimade do mercado. As partículas de poder disgregadas no posfranquismo volven a agruparse.