CON RAMÓN MARTÍNEZ LÓPEZ EN BOIRO

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

15 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Estudiara o vello amigo as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Santiago. Colaborou con outros compañeiros universitarios, na idea de crear unha institución adicada á pescuda, e mesmo ó esparexemento das esencias que singularizan ó noso país. Xunto con Bouza Brey, Filgueira Valverde, Luís Tobío, Requejo Bruet, Magariños Negreira, Romero Lema e Vidán Freiría, firmou no ano 1923, no Castro de Ortoño, a acta constitutiva do Seminario de Estudos Galegos. A súa finalidade tentaba posibilitar unha actividade investigadora da realidade galega, baseándose no traballo en equipo. Era xa catedrático do Instituto de Ensino Medio en Lugo, cando estreitei a amizade con Ramón Martínez López. Convidoume un día a pasar o verán, coa súa familia, na vila mariñeira de Boiro, onde nacera. Aproveitamos aquela tempada estival para percorrer A Barbanza, un dos macizos montañosos e sagros do neboento onte galego. Visitamos os dolmes e mámoas que daban fe da existencia dunha poboación pre-romana. Lembrabamos as lendas sobre as grandezas primitivas de Galicia, que podían localizárese naqueles lugares. A Barbanza amosaba unha forma peninsular completa. Harmonizaba paisaxes de montaña, de horizontes de ría, de costa aberta. Os restos prehistóricos combinábanse con lonxanos vivires señoriais e monásticos. A cadea montañosa ofrecía perante a nosa ollada os altos de Pico do Castelo, da Curota, da Curotiña. Sabiamos ben que estaba situada entre os concellos de Pobra do Caramiñal e Porto do Son. Pervive na miña memoria o borde setentrional da ría de Arousa, dobrado o cabo de Corrubedo, cara o activo porto de Ribeira. Tamén as factorías industriais e pesqueiras, que daquela andaban a cobrar prestixio. O trafego dos peiraos con boureo pintoresco, arrequecendo as laborías pescadoras da pequena vila. A serra erguíase nesta marxe arousá, no monte do Castro sobre Santa Uxía. Nos horizontes da ría asomaba Sálvora, onde os xenealoxistas situaban a orixe fabulosa dos Mariño de Lobeira. Pasabamos os máis dos días en Boiro. Achegámonos á parroquia de Abanqueiro e a Cespón, onde naceu o escritor Fernández Mato. Iamos a nos bañar na praia da Barraña. Fumos á romaría de San Ramón de Bealo, o 31 de agosto, que se celebraba no santuario dese nome. Visitamos, nos arredores boirenses, o Castro de Neixón, o pazo de Fonteneixe, a Torre de Goiáns, a casa solarenga do Cruceiro de Bao. Gorentáballe a Martínez López evocar as figuras literarias nadas en ámbalas bandas da ría. De primeiras, a Paio Gómez Chariño, que tivera un castelo en Rianxo, era Almirante do Mar, facía versos e gañara os privilexios da vila. Poseía unha das máis fermosas fiestras do mundo. Nela podía acobadarse, como un paxaro nunha ponla, a cantar. Logo, xa nas horas contemporáneas, reverdecía lembranzas de Castelao, de Manuel Antonio, de Dieste... E na banda pontevedresa fronteira, de Valle-Inclán, Xulio Camba, e do cambadés Ramón Cabanillas. Tempos despois, o vello amigo andou unha chea de camiños foráneos: Lisboa, Madrid durante a guerra civil. Logo Francia, Buenos Aires, Texas, Wisconsin, Austin, no exilio, exercendo o profesorado. Cando se reintegrou a Galicia, rememoramos moitas veces aquela tempada de estío no Boiro natal. E, xa que logo, as gozosas andaduras que fixemos por tantos lugares da Barbanza, cheos de evocacións.