ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO
19 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Na morte de Ramiro Cartelle. Era un rapaz de pouco máis de 30 anos cando o padre Espiña o puxo en contacto con nós. Relembro o seu entusiasmo para harmonizar a música de Maiztegui do Paco Pixiñas, de Celso Emilio, preparar a un violinista e cantalo na única grabación que hai. Cando Isidro Maiztegui a escoitou nun dos seus viaxes ficou prendado dela. Logo Cartelle compuxo outras músicas e executounas para outros dous cartaces de cego. E seguiu colaborando con nós en montaxes teatrais, con Rabón e con outros. Recordo que Cartelle vivía só nun pisiño pequeno, no que a penas lle collía o piano, fronte ao teatro Rosalía, e nel daba clases de música cunha modestia exemplar. Limítome a escribir os recordos que teño del, pois do seu labor como organizador de corais e como crítico de música xa se encargaron os medios. Deste bo e xeneroso galego dóeme non ter podido acompañalo ao cemiterio por imperativos de forza maior. Manuel García Pelayo. Estos días, Borobó nos trouxo o recordo do primeiro presidente do Tribunal Constitucional, nomeamento que ninguén discutiu ao crearse a Constitución, pois tal era a evidencia do seu saber ao publicar en Venezuela o Derecho Constitucional Comparado. Tempo era de recordalo. Os dez anos do seu pasamento alá van sen pena, e el, si, tiña moito que ver con Galiza, pois estivo casado con Mercedes Pimentel, irmán de Luís, médico e poeta, e de Carlos, médico e alcalde de Lugo, que padeceu a historia. Carlos estaba casado cunha prima da miña muller. Os Pimentel tiñan a finca da Lagoa no Concello de Bergondo, preto de Sada, polo que a relación co Castro de Samoedo, onde viviamos, era fluída. A amizade de García Pelayo cos Pimentel viña da Residencia de Estudiantes, e a Mercedes a coñeceu nuns encontros promovidos por don Xan de Forcados, casado á súa vez cunha Castillejo. García Pelayo ficou prendado da tamén intelectual Mercedes, e fixéronse noivos, separados pola Guerra Civil, casaron cando o novo profesor saíu do cárcere. García Pelayo pasou temporadas feliz na Lagoa. Mais axiña morreulle Mercedes, e vendo que na España non había sitio para el foi cando decidiu irse para América. A súa vinculación coas cousas de Galiza non viñan só por vía conxugal. El sabía do Seminario de Estudos Galegos, enterouse que o seu secretario, Sebastián González García-Paz, exiliado en Puerto Rico, foi o creador da Facultade de Humanidades de Río Piedras. E posto en contacto con el o trouxo á Lagoa e por dúas veces ao Castro de Samoedo. A Institución Libre tiña puntos comúns co SEG, se ben iste estaba dominado polo galeguismo, que facía ciencia e formaba investigadores. Os investigadores de Lugo teñen aínda moito traballo para estudiar este século. Agora unha de vivos. É curioso esto dos norteamericanos. Logo de cometer a falcatruada indecible para derrocar a Allende, e a democracia chilena, mercar xenerais para que maten a outros, con orde de Nixon, logo que pasan uns anos, desclasifican documentos e confesan todo. E acó como se non pasara ren. Por certo, o Kissinger _bo peixe_ levaba varios días en París, e non no 25 de novembro, como equivocadamente dixen no traballo anterior. Calquer día desclasifican documentos e saberemos o que facía en Madrid esos días o Kissinger.