FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
13 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Volven os meus amigos galegos, universitarios en Madrid, a me escribir. Agora para demandarme o que eu entendo por nacionalidade. De primeiras, o que se me ocurre é que unha nacionalidade existe en virtude dun feito: a permanencia dun pobo como tal durante un longo período histórico. Ou seña, dunha multitude de xentes afeitas á convivencia nun determinado territorio. Quedan así sinalados os tres elementos esenciais: o persoal, o territorial e o histórico. Vale dicir, a xente, a terra e o tempo. Nunha nacionalidade ten que haber, pois, un pobo, unha sociedade característica onde, no decorrer dos séculos, conviviron xentes en existencia común. Ese convivir permitiulle conservar uns costumes, uns hábitos, unhas régoas de coexistencia, unha lingua de seu. Pero ese pobo, para chegar a ser nacionalidade ten que estar asentado nun territorio máis ou menos limitado por ríos, montañas ou mares. A obra paseniña da historia, ó actuar sobre o pobo e a súa terra, ven ser a que forma a nacionalidade. No decurso histórico fórmase o idioma, nunha transformación continuada dos xeitos de expresión. Porque as linguas, mentras viven, non se estabilizan de maneira definida. Están sempre suxeitas ás leis da propia evolución, ou ás maiores ou menores influencias doutras culturas. Galicia conta con ese idioma de seu, desde hai máis de mil anos. Tivo gran prestixio literario na Idade Media. Esmoreceu na escrita despois, pero con baril sobrevivencia na cultura e na fala populares. A nosa cultura, como calquera outra, caracterizouse mediante o desenvolvemento das misteriosas forzas espirituais que ten toda colectividade. Este feito, por impulso instintivo, dá sentido a canto constitúe a espiritualidade. Crea así uns condicionamentos de tipo moral, económico, de singularidade de vida. Inflúe en todo, cooréao todo co tinte autóctono que, historicamente, veu destilando, dirixindo tódalas matizacións. Iso, en forza da propia orientación, ou adaptándose ó seu xeito en asimilacións variadas de influencias alleas. A nacionalidade existe cando ten alma. Pero esa alma non se lle dá desde fóra. É un producto de sí mesma. Nace con ela, desenvólvese coa súa evolución, e coa súa resistencia pódese dar por afirmada. Sobre o particular xogan confusionismos. A maior parte proveñen do desencamiñamento con que algúns propenden a se servir das palabras. Ou dos prexuízos, a miudo interesados, de pór en dúbida a existencia de feitos de indispensable comprobación. Nembargante, a xente de doutrina e o espectador imparcial recoñecen a realidade dos diversos elementos característicos da nacionalidade: idioma, costumes, cultura, historia. Elementos que a singularizan e a fan diferente dos demais pobos. Síntese na conciencia popular unha información máis intuitiva que reflexiva do propio ser. Ou, si se quere, no conxunto do pobo aniña un sentimento que lle dá a conciencia da súa personalidade. Polo tanto, o de se estimar diferente dos demais. Ó meu ver, unha nacionalidade é, en rigor, un principio espiritual, propiamente un espírito social. Pobos de procedencias distintas poden vivir unidos nun Estado federal. Pola contra, nun Estado unitario, dominado por unha soa das nacionalidades que o compoñen, non é doado crear a convivencia. Cando os artificialismos oficiais tentan facer pensar que se creou despois de xeracións, a realidade fai notar que non houbo máis que unha ilusión. Velaí, en forzado resume, o que me veu á mente, para atender á pregunta que me formulan os meus comunicantes, universitarios galegos en Madrid.