CARTAS A UNAMUNO

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

02 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Un xove investigador, Alexandre Rodríguez Guerra, laborioso onde os haxa, acaba de publicar (hai días) un volume cun título que é unha invitación para non poucos letraferidos: Epistolario galego de Miguel de Unamuno (Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro, 2000). Saiba o lector, en calquera caso, que non se trata de cartas de Miguel de Unamuno senón de cartas escritas por galegos a Miguel de Unamuno: erro ou lapsus da entidade editora, circunstancia que non mingua o inxente e eruditísimo traballo do profesor Rodríguez Guerra no estudio e anotación das máis de 700 cartas escritas por 208 galegos. Hai cartas moi valiosas polas noticias, algunhas sorprendentes, como as de Víctor Said Armesto de tema rosaliano; outras, pola densidade da reflexión, como case tódalas de Roberto Blanco Torres. Cartéanse con Unamuno, entre 1891 e 1936, moitos nomes ilustres, entre eles Camilo Bargiela, Sofía Casanova, Domingo García-Sabell, Eloy Luis André, Salvador de Madariaga, Menéndez Pidal, Abelardo Moralejo, Otero Pedrayo, Emilia Pardo Bazán e Ramón María del Valle-Inclán. Dúas cartas -só dúas- foron redactadas en galego, idioma no que don Miguel, filólogo e políglota, non era leigo: unha de Galo Salinas, de 1903, e outra de Aquilino Iglesia Alvariño, de 1934, carta esta na que alecciona ó profesor salmantino sobre «Galicia e Hespaña» (sic) e na que fai consideracións sobre o futuro do idioma galego que o autor non subscribiría poucos anos despois. Entre as cartas en castelán hai algunhas -non moi poucas- de persoas do común, nalgúns casos iletradas. Son textos con faltas de ortografía e doutra índole, case sempre ateigados de galeguismos. A de Félix Abad Paz, escrita na Arxentina, é antolóxica (debería ser páxina de lectura obrigatoria nas clases de lingüística e de historia política). O autor, que asina «un liveral», era un cidadán de madeira moi radical, tanto que é capaz de dicir que «el Catolicismo (sic), el Govierno (sic) y el Capitalista» sempre están a «bater» no pobre. Pero o autor non só usa o seseo (da Arxentina pero tamén da Pobra do Caramiñal, o seu berce), senón que, nunha misiva en castelán, abróllalle un recurso singular do galego, o infinitivo conxugado: «Mas le digo que en estas gracias a las sociedades y sermos de muchas rrazas...». ¡Conmovedor! Este liberal escríbelle a don Miguel para que faga canto poida para que, canto antes, non haxa que emigrar e que «todos los pobres coman un pedazo de pan». Na despedida, este emigrante de 52 anos (en 1922), volve a unha das súas teimas: «A fuera Frailones». O autor era tan pouco letrado que non emprega os signos de admiración.