E SATURNO DEVOROU A GAGO

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS

13 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O destino desta nao non é o mellor destino posible, certamente. Aliada dos caídos e adversaria de todas as naves lustrosas, oficiais, inabordables, poderosas. Mal asunto. Pero o destino é o destino: convén non xogar con el. Por iso, amadas e amados todos, afirmo que chegou o momento de brandir a espada en favor de Castor Gago. Porque, no fondo, Gago non merecía ser o saco de boxeo que recibira todos os golpes nesta lexislatura. Pero Gago, novel en Xuntalandia, non distingue entre o factor humano e o factor político. Ese é o seu defecto. Pero tamén a súa virtude. O factor humano levouno á maior derrota dos seus victoriosos anos. Soportou a supertaxa, Leyma e as declaracións de doutor Fraga, as tractoradas, as vacas que Cochón e Del Álamo burlaron con garbo tartufo. E caeu. O saco de boxeo non podía soportar máis golpes. Os parachoques hai que cambialos de cando en vez. Ou comelos, como fixo Saturno cos seus fillos. Porque Gago non exerceu de conselleiro nestes catro anos, senón de gardacostas. Como Clint Eastwood na película: sempre ao servicio do presidente. Podería dicir que el non tivo toda a culpa. Non o fixo. E perdeu. Ou ganou, nunca se sabe. Eu brindo por Gago nesta hora, pola súa derrota, pola victoria. Pero non acabo aquí. Necesito dirimir existenciais dúbidas. Preguntar: ¿Como é posible que Del Álamo saia incólume de tanto infortunio? Un conselleiro blindado, sen dúbida. Hai poucos meses, co país queimado de norte a sur, el, finísimo, soubo estar por riba do ben e do mal: ese lugar que só habitan as almas puras ¿E quen ilumina as escuridades que Cochón transita? ¿É Cochón o alter ego, en masculino, da amadísima Celia Villalobos? Isto resulta tan irracional que nin Kafka, mestre nestes territorios, pode outorgar unha mínima pista. ¡Que país! E, por riba, regresa o conselleiro sen carteira. É dicir, o titular dunha consellería que non existe: Diz Guedes, o home máis querido polos agricultores (¡mano dura, mano dura, eso es lo que hace falta!). Así as cousas só nos queda agardar que a Policía, tantas veces invocada polo ex delegado do Goberno en Galicia, acuda ás degustacións de carne para disolver aos presentes ou, depende do humor de Guedes, para obrigar ata aos vexetarianos a comer carne de vaca. Pois nada, señores, o esperpento está servido. Se Valle levantase a cabeza dedicaríase ao columnismo político («la Leyenda Negra, en estos días menguados, es la Historia de España», escribira o xenio). E Valle Inclán ganaría o Cervantes, sen dúbida. A min, máis humilde, só me queda a esperanza de que Saturno siga con apetito. Porque Gago, sempre ao servicio do presidente, non foi o peor dos seus fillos. Non.