ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
28 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A partir dos quince congresos que se celebraron en España no ano 2000 sobre o exilio, coa denominación de 60 anos despois, o primeiro dos cales realizouse en Santiago, co patrocinio da Consellería de Cultura e da Universidade, e o derradeiro en Collioure ó lado da tumba de Machado. Ao partir destes congresos, digo, despertouse un interese en varias institucións oficiais e privadas que entenderon a necesidade do estudio deste tema para que a cultura de hoxe non fique coxa de tradición como unha invención carente de pais. Así naceu a Biblioteca do Exilio, na que Galiza é unha peza importante, e acábase de celebrar un congreso do exilio galego en Pontevedra organizado polo concello e pola Universidade de Vigo, coa colaboración dos entes que máis traballaron no tema. Tamén o Consello da Cultura Galega decidiuse a organizar un congreso sobre o exilio galego para o que xa están traballando, pois coñezo un estudio de 240 folios con datos duns 700 supostos exiliados galegos das distintas ramas do saber e das profesións, pois este congreso vai ter a orixinalidade de non se referir só a escritores e artistas, que, dos principais, fica xa bastante estudiada, pois o máis importante do exilio e do que aconteceu na metrópolis é o labor dos intelectuais. Non ten o mesmo valor de denuncia que se inmole a 50 obreiros, artesáns e, aínda, médicos e mestres, como que se cometa un latrocinio cun García Lorca ou un Ánxel Casal. Os 240 folios aos que me refiro semella que os fixo un equipo de bolseiros ao que non se pode deixar de recoñecer un valioso esforzo para empezar unha investigación nunha busca tan complexa dun tema no que unha manchea de galegos se espallaron polo mundo hai máis de 60 anos de desmemorización programada, cando xa a maioría morreron. Un vistazo superficial a este traballo aconsellaría ir a recoller información a onde se foi a refuxiar esta xente en relación cos familiares que acó poideran ter. Haberá que eliminar desta relación nomes coñecidos que non eran exiliados, como Margot Arce, Matilde Albert Robatto... e eu mesmo, que non pasei de ser un emigrante fracasado, intermitente e conspirador entre un lote de desterrados. Tamén hai que eliminar aos máis de cen galegos que foron gaseados nos campos de exterminio de Mauthausen e Auschwitz, pois xa non tiveron ocasión de exiliarse. Tamén na relación semella que moitos poderían ser emigrantes máis que exiliados. Para calibrar a importancia do exilio abonda ver a nivel do Estado que o foron Picasso, Falla, P. Casals, Sánchez Albornoz, Juan Ramón Jiménez e un importantísimo etcétera. E entre os galegos temos a Castelao, Lois Tobío, Augusto Barcia, Manuel Martínez-Risco, J. Mª Fernández-Colmeiro, Sánchez Guisande, Osorio Tafall, Sebastián González, Madariaga, Portela Valladares, Casares Quiroga, Dieste, Blanco Amor, Seoane, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Bal y Gay, Velo, Souto, Colmeiro, Federico Rivas, Pita Romero, Etchevarría, Espasandín, Granell, Maruja Mallo, María Casares e outro larguísimo etcétera, para ver que o mellor estaba fóra.