ESTA VEZ, UN COCIÑEIRO

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

30 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Ese era o oficio de Ramón Díaz ata o día 26 deste mes de xaneiro: nesa data, ás sete e corenta da mañá, a súa vida foi tronzada por unha bomba de ETA. Ramón Díaz, que nunca foi dirixente de ningunha banda fascista, era un militante de base de Comisións Obreiras, un sindicato no que se cebaron, no seu día, os torturadores franquistas; Ramón Díaz, totalmente alleo a calquera cúpula de poder económico, era un cociñeiro raso que traballaba, como contratado, nun organismo público; Ramón Díaz, salmantino, emigrara, de neno, ó País Vasco, onde, anos despois, se afiliaría a Comisións Obreiras para defender, como traballador, os dereitos que en 1962 (o ano do seu éxodo) Franco tiña secuestrados. Pertencía, pois, a unha clase social e a unha estirpe moi pouco favorecidas polo Réxime de Franco, o Réxime político que prohibía o euskera na escola, idioma que os fillos de Ramón, Arkaitz e Aintzane, estudiaron nas aulas no Euskadi de hoxe. Pero este soldado raso da Historia, Ramón Díaz, tiña dereito á vida, como Arzalluz, Setién, Garaikoetxea e tantos e tantos outros que, tendo lexítimo dereito a teren e expoñeren as súas ideas, teñen a obriga moral de falaren claro. Porque falar claro, que é a cortesía do filósofo -como diría Ortega- debería ser, sempre, o norte e a norma dos políticos e de todos aqueles -intelectuais ou non- que opinan en público e que crean opinión... pública. Non se falou claro de Melitón Manzanas, xefe da Brigada Político-Social de San Sebastián nos anos sesenta, de quen non se fixo un inventario convincente das torturas físicas exercidas pola súa man contra os presos políticos, daquela indefensos, torturas que exceden o nivel das consentidas e aconselladas no franquismo. Hai días o Goberno condecorouno, a el que xa fora condecorado por Franco, en 1964, coa Cruz do Mérito Policial (con distintivo vermello, que semella un sarcasmo). É certo que en 1968 Manzanas morreu como consecuencia dun atentado de ETA, pero a súa morte, tecnicamente un asasinato (¡ata el tiña dereito a un xuízo!), non é equiparable á morte de cidadáns inocentes, algún, como José Luis López de la Calle, torturado por este sanguinario policía. (Teño amigos que non cuestionarían o adxectivo). Así as cousas, Manzanas, torturador máximo na España de Franco (o que é, onte coma hoxe, un segredo a voces) non debe figurar, como víctima condecorada, á beira de Miguel Ángel Blanco e de tantos e tantos outros. Sería unha infamia e un escarnio para todos eles, incluído, naturalmente, Ramón Díaz, un pacífico cociñeiro raso, tan fácil de matar: tan fácil e tan pouco arriscado para os seus verdugos.