PLANTACIÓNS DE SARDIÑAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE

03 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A visita que fixen o venres pola mañán á casa de Wenceslao Fernández Flórez, levoume onte pola tarde a reler algunhas páxinas do escritor coruñés. Hai anos atopei na Habana, nun posto de libros situado ó aire libre, as súas Obras Completas, unha rareza bibliográfica que hoxe non resulta fácil encontrar. Por outra parte, nalgunha librería de vello, non recordo en qué cidade, merquei nunha ocasión un dos libros deste autor coa súa firma autógrafa. Como o exemplar estaba en mal estado, adquirino por moi pouco diñeiro, unhas vinte veces menos do que me costou logo encardenalo e convertilo nunha pequena xoia para goce persoal. Dá pena que un escritor da talla de Fernández Flórez estea hoxe practicamente fóra do mercado. A don Wenceslao perxudicouno moito unha novela que escribiu sobre a Guerra Civil: Una isla en el mar rojo. A parte de non ser ningunha marabilla, é unha obra sectaria. Por suposto, ten a súa explicación. O escritor viuse obrigado a esconderse durante a guerra, pasou uns anos horribles metido nunha embaixada e foi testigo de moitísimas barbaridades. Raro sería, polo tanto, que tales acontecementos o deixasen indiferente. O que non ten sentido é xuzgar toda a obra dun autor corrosivo, crítico con calquera forma da estupidez humana, por un libro desafortunado. Aínda onte estiven lendo un artigo no que Fernández Flórez inventa unha entrevista cun ex-ministro que asegura coñecer España moi ben, que di que a ignorancia se cura viaxando e que sostén que non existe «el problema de las regiones». Na boca do prócer pon don Wences afirmacións como que o galego é un dialecto que converte en u calquera o; que os galegos se dividen en dous grandes grupos: serenos e augadores, e logo o subgrupo dos coruñeses, que se dedican «al cultivo y a la fabricación del pescado». Por eso utilizan alambiques para destilar a tinta do calamar e regan con amor as terras onde teñen as plantacións de sardiñas.