LUIS SEOANE, CON UNAMUNO E LORCA

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

08 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Era alá polo ano 1962. Luís Seoane remesárame dous fermosos libros desde Buenos Aires: Del diario de don Miguel de Unamuno e Llanto por Ignacio Sánchez Mejías, de García Lorca. Publicáranse en edición de luxo para conmemorar o vintecinco aniversario do pasamento de ámbolos dous autores. Os libros viñan arrequecidos con gravados en madeira do noso vello amigo, ilustrando os textos artisticamente. Tiramos agora da biblioteca, as dúas fachendosas edicións, para degostalas novamente. A unamuniana constitúena varios poemas do Cancionero, libro póstumo do que fora rector da Universidade de Salamanca, ordeado e prologado por Federico de Onís. A outra abrangue os versos do planto lorquiano, que figuraban na recopilación global do de Fuente Vaqueros feita por Guillermo de Torre. O Diario de Miguel Unamuno reúne, entre outros poemas do devandito Cancionero, os de Madrigal de las Altas Torres. Os versos do famoso Pastelero e do Tostado, «Ruinas perdidas en lecho / ya seco de pantano enorme». Os de Durium, Duero, Douro que siguen o curso do río. Os da composición encabezada por unha simple enumeración de topónimos ibéricos. E os do soneto que comeza «Morir soñando, sí, más si se sueña / morir, la muerte es sueño; una ventana...», que o autor datou tres días antes de finar. No Llanto por Ignacio Sánchez Mejía, os versos alónxanse do primeiro xeito decorativo e pintoresco, afondando nunha conceición máis seria, solemne, da visión lírica. Pero sen perder o proverbial sentido da cór. Nen tampouco o frescor compositivo, a limpidez firme, suave, do deseño espléndido. O resultado ven ser unha estampa de grande suxestión. Nela parécelle a un aduviñar o presentimento da morte que, andándo-los anos, roubaría en flor a un dos poetas máis xeniais do noso tempo. O toureiro morto ofrécese así como unha forma premonitoria. Como un adianto vivo de quen tan altamente o cantou na súa agonía. Sangue e loito García Lorca e Unamuno sinalaron con sangue e loito un dos anos máis dramáticos vividos polo pobo: o de 1936. Pero con ese loito e ese sangue, vai mesturada a luz de dúas almas que definiron o estilo dunha época. Por medio destes libros, tan admirablemente ilustrados por un artista insigne, guindouse naquelas horas unha mensaxe. Mensaxe cuia veracidade humana sobrecolle a cuia verdade formal consola. Na nova presencia destas edicións luxosas, a figura de Luís Seoane rexurde na nosa memoria coa emoción do amigo e do artista. Foron moitos os labores que, ó longo da súa vida vizosa, desenvolveu como ilustrador de obras fundamentais. Non só nas debidas a escritores galegos, senón nas de autores foráneos. Unha mostra delas, entre tantas máis, ofreceuna nestes volumes. Son edicións de tirada reducida e numerada, que reverdecen unha traxectoria rica en saber. Unha traxectoria sempre fiel ás raíces da terra que o ollou nacer. Pero que se evidencia tamén nos gravados que consagrou a figuras alleas. Así era Luís Seoane, home de fecundas iniciativas, de entrega ó mundo da cultura. Colaborador dunha chea de empresas artísticas e literarias que manteñen viva a súa lembranza en nós.