UN PECADO DESCATALOGADO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

13 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Un dos pecados que desapareceron do pecadario oficial é a murmuración, que cando eu era neno se consideraba falta grave e había que confesar. Supoño que foi descatalogado non por falta de uso, senón de abuso. É o que pasa no fútbol cos agarróns dentro da área cando se lanzan os saques de esquina. Seguen sendo penaltis, pero non se sinalan porque había que pitar centos por partido, o cal convertería o xogo nunha guerra. Estes, mais ou menos, foron os argumentos que empreguei o outro día durante unha entrevista que me fixo unha moza en Salamanca, empeñada en que lle contestara a preguntas que a ela lle deberon parecer provocadoras, pero que só resultaron ser divertidas. Quería saber, por exemplo, se eu era cotilla. Foi entón cando lle falei da murmuración. Dicir que un non é cotilla é expoñerse a non ser crido. Aínda recordo a un pobre compañeiro de escola, que por certo tivo a mala sorte de morrer dunha septicemia despois de que lle arrincasen unha moa, e que foi expulsado da clase cando o profesor pediu que levantasen a man os nenos que nunca contaran unha mentira, e el levantou a súa con inocencia, sen decatarse da trampa. Nalgún sitio lin aquela historia que se montou en Hollywood, alá polos anos corenta, co director de cine Anatole Litvak e a actriz Paulette Goddard, de quen se dixo que cometeran actos indecentes en público, no medio dunha discoteca. Aínda que a historia era falsa, foron miles as persoas que xuraron ser testigos. O asunto recorreu o país en versións diversas. Unha noite, despois de cear, mentres o presidente Roosevelt falaba coa súa muller e unha invitada na Casa Branca, recibiu unha chamada urxente de Winston Churchill, en plena guerra. Antes de atendela, pediulle a aquela señora que non fose a durmir ata que el volvese. Cando regresou, preguntoulle: «Ti es de California e seguro que sabes a verdade. ¿Que pasou realmente entre Anatole Litvak e Paulette Goddard?».