OS NENOS DO PASADO SÉCULO

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

14 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Repasando vellas lecturas batimos outravolta cun libro de Christiane Rochefort que alá polo ano 1962 despertara a nosa curiosidade. Trátase de Les petits enfants du siècle. Coñeciamos de antes Repouso do guerreiro, primeira novela da autora. Describía nela certo malestar da burguesía intelectual moderna: os seus herois viñan ser intelectualmente uns poseídos, esfermellados por un feito: o da imposibilidade de vivir nas condicións falseadas da sociedade de entón. No libro que agora relemos, faise unha alusión paródica ó nome que se deron os mozos franceses románticos do 1830. Abeira un tema, quizais máis destemido. O da nova alienación capitalista que confundía prosperidade económica e felicidade humana. Amósase ben situado no tempo e no espacio. Mesmamente no 1960 e os suburbios obreiros de París. Unha rapaza deste ambiente popular narra a súa vida, desde o nacemento ata o casamento. Vida sinistra, non por ser miserable no sentido clásico do termo. Si por se supeditar ós falsos valores, mortos, dunha comunidade material divinizada. «Nacín porque hai Salario Familiar, e por mor dun feriado cuia mañán se alongaba...». Esta primeira frase, co seu «por que» e o seu «por mor de», resumo todo o libro. Escrito nun tono de rebelión contida, irónica, enrabiada, non deixa de lembrar ás veces ó Saturday night and sunday morning do inglés Sillitoe. Trátase dunha novela populista, se se quere, pero cun algo que gosta a todos. Algo seu ofende varios prexuízos de diversa orixe. As familias obreiras parisinas están presentadas aquí, cunha soa excepción, como case enteiramente pervertidas pola febre de poseer televisión, coche e aparellos domésticos. Xa que logo, como nota a autora, iso en certo xeito é un progreso: «Teremos que, xa probáramos a felicidade para descobrir que a felicidade non consiste neso». O que alporiza a súa carraxe é que os obxectos se convirten no fin, e os seres humanos no medio. Polo miragre das asignacións familiares, a cada fillo correspóndelle un obxecto-ídolo. «Pensaba no día en que a tódolos fillos de Mauvin diríalle: ¡adiante!, e pan, aí están todos panza abaixo no campo de loita, e enriba póñenlles unha cruz: aquí caeron Mauvin Televisión, Mauvin Coche, Mauvin Xeadeira, Mauvin Batedora, Mauvin Lavadora, Mauvin Ola a presión. E coa pensión ata poderían pagar unha aspiradora e unha bóveda no cemiterio». A narración non é xustamente naturalista. Ten a verba, a parcialidade, as deformacións do panfleto cunha precura da expresión falada, un pouco na liña de Céline. Tamén algúns aspectos de exercicio de estilo, que arriscan tapar unha incontestable sinceridade. Rochefort parécenos que non é en absoluto unha autora frívola como se ten dito. É valente. Non dubida en se comprometer. Amosa sensibilidade, lucidez, virulencia e humor.