UNHA SEÑORA COMO UN ACCIDENTE

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

06 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Creo que xa teño dito aquí algunha outra vez que os aeroportos e os avións parecen deseñados para meterlle medo á xente. Onte pola mañá, nunha viaxe que fixen a Madrid, nada máis sentarme na miña praza, púxenme a ler un conto de Tintín (Tintín no Tíbet), para diversión da miña compañeira de asento, unha señora maior que me miraba como se fose atrasado mental, pois xa se sabe que hai cousas que non se deben facer cando un xa non ten idade. Os lectores destas historias non ignoran que nese episodio, Tintín e o Capitán Haddock, o home que mellor insulta do mundo (hai incluso un diccionario cos seus insultos), marchan ó Tíbet na procura dun amigo chinés que sufriu un accidente de aviación nas estribacións do Himalaya. Estaba eu vendo os restos do avión, medio sepultado na neve, tan detalladamente pintado pola man clásica de Hergé, cando de pronto escoitei unha voz que falaba pola megafonía do avión de verdade. Era o comandante, posto de pe diante da pasaxe, explicándonos que o vento era moi forte e as condicións meteorolóxicas pouco adecuadas, pero que en trece minutos poderíamos despegar. De paso díxonos que a viaxe anterior, de Madrid a Vigo, no momento de aterrar fora crítica, palabra que repetiu dúas ou tres veces, e que estivera a punto de desviar o voo a Santiago. Rematada a perorata, que supoño que fixo con toda a boa intención do mundo, o responsable das nosas vidas retirouse ó interior da cabina para preparar a saída do avión. Entón foi cando a miña veciña, co sorriso anterior polo meu Tintín conxelado nos labios, empezou a poñerse nerviosa. De entrada, buscou a miña solidariedade contra o piloto dicindo: «¡Pues vaya gracia!». Como a min non me pareceu que o señor se portara mal, non lle seguín o xogo. Non lle debeu gustar porque me mirou severamente, enfurruñada. Tanto que pechei o tebeo, non fose que ó ver os debuxos da catástrofe, a emprendera comigo. Seguro que evitei un accidente.