FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
08 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O trinta e un de marzo do ano 2001 cumprirase o centenario do nacemento de Fermín Bouza Brey. Foi este un investigador que andou a descubrir, ó longo da súa vida, as raíces do noso país e das nosas xentes. Non só nos eidos da arqueoloxía. Tamén nos da etnografía. O labor de pescuda encetouno nas xeiras iniciais do Seminario de Estudos Galegos, do que fora un dos fundadores. Nesa andaina chegou a revelar novidades que atoparon eco no mundo do espírito. Correspondeulle a Bouza o feito de dar a coñecer, a salvar, a estudiar, o máis importante tesouro aparecido daquela en Galicia: o prehistórico de Caldas de Reis, da Idade do Bronce, uns setecentos anos antes de Cristo. Tal descubrimento abriu novos supostos para a antigüidade galega no campo das artes industriais. Revalorizou tamén a moeda sueva, proclamando a realidade das acuñacións dos reis en Galicia, que consideraban falsas os investigadores. Amigo e colaborador de Cuevillas, publicou con el un interesante traballo que chegou a se considerar como unha das primeiras metodizacións da prehistoria galega, titulárono Os oestrrimnios, os saefes, e a ofiolatria de Galicia. Fóra delo, considerando o estado de cousas na época e as revisións de hoxe, o investigador realizou unha chea de estudios especializados. O censo da súa intensa laboría rexistra máis de cen monografías, que avaliaron unha personalidade de releve. Bouza Brey viaxou a Francia e a Portugal, como pensionado para ampliar coñecementos. Estivo tamén na Armórica, onde se familiarizou, no propio escenario, coa poesía bretona. Formou parte, como colaborador, da Academia Arqueolóxica de Berlín. Da Sociedade Antropolóxica de Lisboa. Do Museo de Guimarâes. Da Sociedade Internacional de Folklore de Nadal, no Brasil. Da Sociedade Arxentina de Artes Populares de Buenos Aires. Da Sociedade Antropolóxica de París. Ademais do labor arqueolóxico e etnográfico, realizou Bouza estudios de Epigrafía e de Arte. Estes últimos abrangueron monografías de igrexas, de mosteiros, de imaxes escultóricas, de pinturas, de gravados. A súa preocupación no ámbito da cultura, cifrábase en lle fornecer contido e interese universal á producción literaria e científica galega. Pensaba que canto máis enxebremente autóctona fose a nosa literatura, a nosa investigación, a nosa esculca, tanto máis atraería a atención foránea. Entendía, por iso, que compría soerguer o idioma propio por riba de todo ruralismo, para crear ensaios da máis diversa condición. Consideraba que tiña que se realizar o labor de recrear ou facer apta a lingua de Galicia para canto abrangue a intelixencia humana. Sentíase satisfeito de ollar como non se perdía o esforzo realizado polos que daquela estaban a traballar. Como viñan tras deles, outras marés de mocedade a cubrir as fírgoas. A ocupar os postos na loita de soerguer a cultura propia. No empeño de ofrecer os resultados do seu labor, soñaba con recoller en volume os traballos monográficos esparexidos, dispostos por temas. Serían: Estudios rosalianos, Prehistóricos de Galicia, Etnográficos e folklóricos. De epigrafía e numismática galegas.