CELSO CUNHA E MARTÍN CÓDAX

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

14 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Memoramos hoxe a figura amiga de Celso Ferreira da Cunha. Filólogo brasileiro, finado hai varios anos, amosou de cote un interese especial pola cultura galega, e, sobre todo, pola nosa poesía medieval. Evidenciouno, entre outras publicacións súas, en O Cancioneiro de Martín Códax. Editado en Río de Janeiro o ano 1956, nel salientou os rasgos peculiares do trovador, entre os cales, a fidelidade ás estrofas paralelísticas. Releímos nos pasados días as páxinas crarexadoras da edición monográfica do filólogo. As cantigas estudiadas son, como é sabido, as únicas cantigas profanas que conservaron a súa anotación musical. Celso Cunha examinou de primeiras as orixes do apelido Códax. A seguido, presentou o texto crítico das composicións. Ofreceu, así mesmo, a historia dos textos, os códices, as edicións ata entón existentes, acompañados do pensamento do autor sobre cada unha das cantigas. Aínda máis, figura no libro un importante glosario etimolóxico, quizais o de maior valor do traballo. Este, por outra banda, constitúe unha contribución sería para a historia da lingua galego-portuguesa. Pensamos que con esta obra, editada xa hai preto de medio século, o filólogo brasileiro realizou un verdadeiro labor científico na reconstrucción textual. Interpretación Pero tamén un labor artístico na interpretación. No traballo reconstruidor, a puntuación, que non existía nas fontes, quedou resolta con seguridade, propia dun mestre sensible ós valores estéticos. O coidado que tivo no aspecto estilístico, é outra cualidade do autor, que soupo situarse «spitzeranamente» entre a lingüística e a historia literaria... Na técnica do profesor Celso Cunha, a filoloxía non é un fin, senón un medio. Un medio para chegar á verdade estético-literaria. Porque el non era só un filólogo. Era tamén un humanista que tremaba diante dos preconceptos das ideas mecanicistas. De ahí que sobresaía unha cualidade súa, pouco común nos filólogos puramente filólogos: a sensibilidade. Conciencia dos valores Foi mesmamente esa sensibilidade armoniosa, xunto cunha conciencia dos valores, o que o encarreirou cara ós poetas da nosa Idade Media. Na obra que comentamos, como en O Cancioneiro de Joan Zorro, publicado no 1949, presentóunosenos como un verdadeiro home de estudios, de ciencia. Un home atento e como volcado cara os valores e manifestacións da nosa cultura medieval. Con responsabilidade e con termos rigurosamente científicos, traballou nos eidos da vella tradición literaria de Galicia. Fíxoo cunha fortaleza de espírito e unha modalidade, que deben ser forza motriz na nosa cultura actual. Dentro dese espírito, como dentro desa historia cultural, ocupou un dos postos de vangarda. Celso Cunha, ó escoller ó trovador Martín Códax como obxecto dos seus estudios, preferiu a un dos máis representativos da época. Precurou así situarse nunha perspectiva: a ofrecida polos mesmos trovadores. Porque só ela podería falarnos dos seus secretos e dos seus misterios.