CUESTIÓN DE AUTOR

La Voz

OPINIÓN

MIGUELANXO PRADO

19 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A banda deseñada europea ten dado, polo momento, tres referentes indiscutibles: Tintín, Astérix e Corto Maltés. O máis interxeracional dos tres é Astérix. É un deses achados irrepetibles, nos que guión e debuxo compleméntanse de xeito maxistral e acadan o interese dun público heteroxéneo. Eu penso que o peso dos textos de René Gosciny foi determinante. En todos os títulos dos que el foi responsable ata a súa morte fixo mostra dun senso do humor de múltiples niveis, que permitiron ó lector o goce máis obvio dos gags visuais máis clásicos (golpes e persecucións), ata o máis sutil, dos xogos de palabras ou os referentes á actualidade social ou política, sempre cunha pátina xenial de fina ironía. Desde a desaparición de Gosciny e a continuación en solitario da serie por parte de Uderzo non é o mesmo. Pero, a nivel gráfico, o traballo do debuxante é, desde sempre, impecable. Depurou e sofisticou, libro a libro, un estilo minucioso e elegante. Fíxense no tratamento dos animais: cabalos, xabarís, leóns... lonxe dos arquetipos brandos do cómic de humor, teñen unha forza e unha credibilidade admirables. O traballo de ambientación nos fondos -comezando pola impar e adorable aldea gala-, herdeiro da tradición historietística franco-belga, é minucioso e preciosista. A contundencia e habilidade na caracterización de personaxes (impagable Xulio César) resulta portentoso. É sintomático do xeito no que funcionan ás veces os premios e os recoñecementos, que non foi ata hai dous ou tres anos que Angoulême, meca da historieta europea, lle concedera a Uderzo o Gran Premio, do que xa gozaban autores moitísimo máis discutibles. O que tamén demostrou Uderzo foi ser un espelido home de negocios. Os libros, filmes, monecos, parque temático, etc, son unha inesgotable fonte de ingresos que, ó parecer, dirixe persoalmente. É curioso que sexan os xermanos os primeiros valedores do heroe galo. É en Alemaña onde alcanza as máis altas cifras de ventas (máis que en Francia, si), o que semella contradictorio coa idea que en xeral temos do sentido do humor centroeuropeo.