FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
21 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Hai xa anos dabondo que limos O fillo das palabras, unha novela moi interesante da escritora irlandesa Iris Murdoch. Batemos agora coa outra anterior da mesma autora, publicada no ano 1957. Non acada esta a mesma intensidade dramática daquela. Iso resulta lóxico, pois no presente caso as miras eran outras: realizar só unha pintura amable, en ton axordado, dun momento da vida duns poucos personaxes. A narrativa titúlase O castelo de area. O protagonista, Mor, é un típico profesor de inglés de segundo ensino: pai de dous fillos, actúa cunha mestura de resignación e impaciencia a súa muller, Nan. Nas pequenas liortas matrimoniais é ela quen leva a mellor parte. El ten que optar, unha vez e outra, por un prudente silencio fronte ó aire de zumbona superioridade de Nan. Nada de extraordinario, pois. A vida decorre sen maiores alegrías, pero tamén sen excesivos pesares. Mor é un profesor moi consciente das súas obrigas, sen outras ocupacións que enchan a súa existencia. Énchea, sobre todo, sen ateigala, a autoritaria presencia de Nan. Tal xeito de vivir altérase radicalmente coa chegada de Raín Carter, unha xove artista. Mor fica alabarado coa presencia de Raín. Esta atopa nel un substitutivo do agarimo do seu pai recén finado. Entre ámbolos dous constrúen o castelo de area dunha relación sen futuro. Unha relación casta, despoxada de toda explosión paixonal. Ubica a autora ós personaxes nun ambiente xa outras veces transitado pola literatura inglesa: o dun colexio de ensino medio. Retrátaos mediante sutís intuicións psicolóxicas, como podería facelo un espectador que contemplara o decorrer dalgunhas vidas. Pero desde unha distancia que lle permitira, máis que se adentrar nelas, imaxinar a motivación fonda dos seus actos. Todo, nefeito, está ollado na novela con certa perspectiva, sen tomar partido. Todo é contención, mesura. Clima espiritual reflexado máis ben con alusións que con directas referencias. A novelista colixe, «supón», verbo dos seus personaxes, máis que afirmar. Contémplaos sen os xulgar, deixándolle esta tarefa ó eventual lector. O ton é, pois, un modelo de urbanidade. O obxectivo da escritora é o de contar, sinxelamente contar. Tamén retratar un ambiente, unha época, nun lugar moi preciso do vasto planeta. En O castelo de area triunfa o coñecemento sobre a expectativa, o costume sobre o amor. Todo se resolve, ó cabo, como na realidade mesma se resolve case sempre: sen barullo nin grandes acenos. Do xeito en que o aconsellan a razón e máis a cordura. Pola súa formalidade e o seu acautelamento, a obra ten un certo aire victoriano. Non sería outra cousa que unha novela máis, de non estar escrita dentro dunha liña tradicional con segura mestría.