C. J. C.

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

11 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Coñezo a Camilo José Cela desde hai trinta anos e manteño con el desde entón unha boa amizade. Como profesor de Literatura Española, estudiei a súa obra, que empecei a ler moito antes, como simple afeccionado. Fun lector tamén, e coleccionista, daquela espléndida revista que facía en Palma de Mallorca, Papeles de Son Armadáns, convertida hoxe nun tesouro difícil de atopar. Repasando os primeiros exemplares, vexo as reseñas que daquela lle dedicou, nunha época en que a literatura galega se vía case obrigada a pedir perdón, a libros de escritores como Novoneyra, Manuel María, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro ou Aquilino Iglesia Alvariño. Nunca entendín como un xesto así ten pasado case desapercibido e nunca se lle recoñeceu. Eu creo que, en parte, esto só se pode explicar pola forte personalidade do propio Cela. Recordo hai uns anos o lío que se armou nunha roda de prensa, na que eu me sentaba ó lado del, con motivo dun comentario que me fixo a min sobre Lorca, pero que quedou rexistrado nalgunha gravadora, e que deu a volta a España, completamente distorsionado. Naquela comparecencia dixo: «Escribín algunhas cousas en galego por patriotismo». Confeso que pensei que aquel ía ser o titular do día seguinte, pero equivoqueime. Naquel momento, ó aire daquela frase, recordei que fora el quen conseguira, cando o elixiron académico, que do diccionario oficial desaparecera a acepción que definía ós galegos, ademais de como naturais de Galicia, tamén como persoas de baixa condición. Por outra parte, que situara a súa Fundación en Iria, cos seus picassos, os seus mirós e os seus zabaletas, foi unha boa decisión para o noso país. Eu síntome contento da súa condición de galego, aínda que os dous optaramos, facendo uso da nosa liberdade, por escribir en linguas diferentes. O home que fixo todo esto que dixen é Cela, aínda que non sexa o único Cela. Todos somos moitas persoas ó mesmo tempo.