PERSPECTIVAS DEFORMADAS DA REALIDADE

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

29 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Sinto rubor dicir que pode que ninguén seipa máis das proxeccións xeométricas da perspectiva que eu; mais, axiña, descargo a miña concencia afirmando que esa perspectiva non sirve para nada serio e a min non me serviu máis que para perder o tempo estudándoa. No Renacemento italiano comenzou a preocupar o problema da perspectiva nas artes plásticas para dar profundidade ás esceas, e Leonardo da Vinci foi o primeiro que estableceu un principo científico sobre un dos factores da perspectiva, que abriron o camiño para ver que dende a distancia do plano de proxección dado podían establecerse medidas matemáticas de profundidade. Así foron nascendo as perspectivas paralelas, caballeras, ortogonal, e finalmente a proxección cónica. Logo veu o daguerrotipo, que resultou ser unha máquina que proxectaba nun plano o mesmo efecto perspectivo que reciben ás imaxes na retina un tanto esférica. Seguiron as cámaras de retratar sofisticadas, capaces de facer da realidade un pandeiro, deformando, para ben ou para mal, según conveña comercialmente ao proxectista que as encarga a sabendas de que o realizado vaise a parecer pouco. Esta mecánica na que viñeron caer as proxeccións perspectivas sírveme para considerar certas perspectivas de proxectos que nos dan os medios obrigados por esa arma poderosa da comunicación que manexan os donos insaciables do poder económico. Con esta desconfianza sobre a manipulación distorsionada das perspectivas que nos ofrecen os interesados en fornecernos dunhas enerxías limpas, autorrenovabeis, que están implantando nos nosos eidos. A nova que nos presenta a perspectiva do proxecto nos di que se instalan en Galiza trinta parques eólicos, que, actualmente, están evitando enviar a atmósfera un millón e medio de toneladas de CO2 cada ano, e que no ano 2010 habrán evitado que se envíen á atmósfera seis millóns de toneladas dese CO2, responsable, ao parecer, do quentamento atmosférico. Se non fora pola deformación a que nos foron acostumando a tragar gato por lebre, os que teñen poder poderían preguntarlle a ises taumaturgos que nos ofrecen semellante perspectiva ¿a quen lle van a evitar o envío a atmósfera de tantas toneladas de CO2? Pois que seipamos a térmica das Pontes seguirá queimando carbón aínda no 2010, e posiblemente tamén a das Encrobas. A outra enerxía que temos, a hidráulica non produce CO2. Os automóbiles e toda a locomoción e algunha industria, sí, producen CO2, mais penso que non se van deter, a non ser que sobreveña un cataclismo económico, no que todo vai sobrar. A realidade na que vai quedar este proxecto que nos ofrecen en perspectiva vai ser ben distinta. Trátase da colonización dos nosos recursos e da nosa situación xeográfica, neste caso batida polo vento, en beneficio doutras rexións e doutros negocios. Así manipúlase a realidade informativa, namentras os nosos montes estanse a converter en paisaxes fantasmagóricas, enchidos de cursilería, con esas formacións ou deformacións, de molinillos de vento.