LIBERDADE DE EXPRESIÓN

La Voz

OPINIÓN

VENTO NAS VELAS / Víctor F. Freixanes

04 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Non existe en estado puro, nin é un invento dos anxos, senón dos seres humanos e, polo tanto, perfectible, mellorable cada día, incluso contradictoria cando se trata de materializala na práctica. Pero debemos entendela como parte esencial da condición humana, alicerce das sociedades democráticas. Expresión e circulación libre das ideas: para emitilas e para recibilas. Un privilexio que desgraciadamente non tódolos países poden aínda disfrutar. Antronte, en Compostela, co gallo da celebración do Día Internacional da Liberdade de Expresión, Raimundo García Domínguez Borobó, mestre de xornalistas, lembraba os días do franquismo dende o vespertino La Noche (1946-1967), cabeceira de especial significación na historia do xornalismo galego contemporáneo. Alí estaban Goñi Aizpurúa, o seu director, e Landeira Yrago na redacción, e acaso as primeiras colaboracións organizadas do galeguismo interior: Fernández del Riego, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shey, Manuel Beiras... Falaba don Raimundo da censura e, entre anécdotas e notas eruditas, parecía que viaxásemos polo tempo a outra dimensión, coma quen escoita historias do principio do mundo. Sen embargo, o día anterior, un grupo de mozos autotitulados independentistas entraban na Facultade de Dereito e trancaban con táboas e martelos a porta do despacho do noso compañeiro Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional e colaborador deste periódico, con acusacións de antigalego e antinacionalista. Simplemente, porque non pensa coma eles. O día anterior, outro grupo rompía as instalacións de El Correo Gallego no Preguntoiro en protesta polo tratamento que o devandito xornal dá a certas informacións. Non é o único caso. Dun tempo a esta parte, accións deste tipo veñen repetíndose dun xeito preocupante. En agosto de 1936 un grupo de falanxistas e advenedizos entraron de mañanciña na casa da miña avoa e levaron pola forza a meu tío Xoaquín, que era sindicalista. Disque tamén eran uns incontrolados. O meu tío Xoaquín apareceu morto nos arredores de Pontevedra, coma tantos outros nas mesmas datas. Diferencias de opinión. O tío-avó de Roberto Blanco Valdés era Roberto Blanco Torres. Atopárono nas gáveas dunha aldea de Entrimo cun disparo na cabeza, neste caso en outubro daquel ano fatídico. Borobó, que padeceu cadea por republicano (ou rojo) e a piques estivo de perder a razón nun hospital psiquiátrico (tamén por diferencias de opinión) sabía do que falaba e da fraxilidade do cristal que hoxe disfrutamos: o dereito a nos expresar en liberdade (sen medos, sen coaccións), mesmo para escoitar e rebater as opinións dos que non pensan coma nós. Estamos a falar da esencia da condición humana e dos principios da modernidade. Non están tan lonxe aqueles días, abofé, que nos parecen tan remotos, nin tan arredadas as actitudes da intransixencia e o instinto primario. Tampouco convén caer na inxenuidade de pensar que non hai condicionantes, presións, manipulacións, interferencias, poderes fácticos, cacicóns e caciquiños a mover por detrás a tramolla. Hainas. Este oficio é difícil, se se queren manter os principios e a dignidade. Por iso hai que mimalo, coidalo, criticalo, denuncialo cando non cumpre a súa función. E mais explicar ós que non o entenden que tal principio é innegociable, que no seu uso e na súa mellora estamos comprometidos todos, porque diso depende a nosa condición de cidadáns. E porque o contrario é barbarie.