BARCO DE PIRATAS / Xosé Carlos Caneiro
12 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O Estado gastará máis de vintedous mil millóns de pesetas nunha campaña de fomento da lectura para a franxa poboacional comprendida entre os dez e os dezaseis anos. Case afogo. A frase é longa. Iterativa. Banal. Inútil. Levo anos anunciando a miña total oposición a este tipo de florituras burocráticas. Que o saiba a ministra Del Castillo, Pilar. Xa vai sendo hora de que entre neste ministerio alguén imaxinativo. E non só no castilliano cultural ministerio, senón tamén na perezvareliana Consellería de Cultura. A imaxinación ao poder, outra vez, renovada, viva. Pero a imaxinación é un valor en desuso. Habitamos unha época absolutamente regresiva. Miren a pública, púbica, televisión que nos idiotiza. Éxito incontinente da estupidez (non emprego o eufemismo porque hai veces que o eufemismo, pobre, resulta fútil). Estúpidez, reitero. Noches de fiesta con sabor a rancio, Paco Martínez Soria e o cine de barrio franquista, Humor se escribe con hache. Carcómeme Parada, a estulticia, José Luis Moreno e o vodevil televisivo, por non citar a magna galaica televisión, para qué. Os libros, nun mundo coma este, son obxectos sacrílegos. ¿Quen pode ler unha novela sabendo que pagamos, todos, unha televisión tan necia? Cine de barrio, ¿pode existir algo máis caducado e pútrido? O seu piano, a voz da nostalxia das tardes de cine mentres o generalito exercía poderes na súa dictablanda canalla. Pois digo que me enerva a estulticia. E máis me enerva que nun mundo coma este, propiciado en parte pola neglixencia e insensibilidade dos gobernantes, se tiren vintedous mil millóns de pesetas en campañas de lectura. Hai que gastar millóns, miles e miles, en campañas para adultos. Con imaxinación, claro. A ler todos Que os políticos, eses seres ocupados, non lean só en vacacións. Que as televisións de Cine de barrio e Supermartes dediquen ao libro unha parte da súa programación marujera. Que os deportistas leven de viaxe algo máis que o Marca. Que os periodistas dispoñan dun par de horas diarias para novelearse. Que o profesorado (¡alguén ten que dicilo!) asuma o hábito da lectura porque, de non ser así, ¿como poden estimular o gusto lector dos discentes? Abonda de reciclaxe e currículum. Que lean, carano. Que lean. Nunha sociedade en que a literatura perdeu función e prestixio, estas campañas resultan ridículas. No mundo de Cine de barrio non cabe a literatura ¿Por que non proban facer as cousas ao revés? Campaña de fomento da lectura para a franxa poboacional comprendida entre os dezaseis e os setenta anos. Igual acertan. Igual son menos os damnificados polo progreso imparable da estupidez. Ese virus traidor que vomita a pública, ou púbica, televisión.