ANDADURA POLAS RÍAS ALTAS

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO DE COTÍO

28 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Relembramos hoxe a demorada paseata que fixemos no pasado outono polas ribeiras do mar alto de Galicia. O Cantábrico asomábase ás rías de Santa Marta, O Barqueiro, Viveiro, Foz, Ribadeo. A primeira atopábase ó fondo da bisbarra do Ortegal, na capital do antigo Condado. Era un seo que vixiaban mar afora dous fitos insignes: o cabo Ortegal e a Estaca de Bares. Tratábase da terra máis septentrional da península ibérica. Nas escrituras do século XIX, aínda os escribanos describían máis ou menos con xusteza os lindeiros da beiramar. O cabo Ortegal alongábase nas augas por unha serie de puntos suspensivos que viñan ser os aguillóns. A Estaca de Bares figuraba na estribación final da serra Faladoira, que baixaba da conca do Eume. Na desembocadura do río Sor, abríase á nosa ollada a espléndida ría do Barqueiro. Gorentounos a fermosa praia. A ría de Viveiro ofrecenos a súa beleza singular. Recollía as augas do Landrove, río louvado nos versos de Pastor Díaz. Despois de pasada a ría de Foz, dubidamos entre seguir pola costa, ou adentrármonos polos vales da nosa Lourenzá natal e de Mondoñedo. Dirixímonos ó cabo cara á ría de Ribadeo. Pendurado sobre ela, a silueta de Castropol. Á esquerda, a vila de Figueiras. Á dereita, no fondo do esteiro, Vegadeo. As rías altas amosábansenos misteriosas, melancólicas. Tiñan un inconfundible aspecto de lagos, coa saída ó mar moi agachada. Estaban cheas de recantos, calas, pequenas penínsulas. Deixábase ouvir nelas a vaga canción dos piñeiros, que se mollaban nas gándaras. Lembramos, de especial, na nosa viaxe, a vila de Viveiro. Adentrámonos nela baixo un arco secular que pregoaba a antigüidade das súas rúas. Abondaba en recantos románticos. Un dos máis suxestivos era o convento de Valdeflores, de pesados paredóns e apretadas reixas. Este paraxe deixara a súa pegada nas páxinas da novela de Pastor Díaz De Villahermosa a la China. En Ribadeo, percorrendo a vila batimos coa rúa do Viejo Pancho. Na praza, este personaxe do folclore criollo tiña unha estatua, como nativo que era destes pagos galegos. No peirao, mentres agardabamos a lancha de Castropol, trabamos conversa con algúns mariñeiros. Un deles, sentado no pretil, de costas ó mar, era un vello de pipa, deses que sirven de modelo ós pintores costumistas. Á súa beira, un rapaz tecía ou reparaba a súa rede. A vida aquí pareceunos unha vida de horas vagacentas e doces, abaladas por este mar de beiras verdes. A luz velada, de rumor musical, reflexaba a imaxinación e o sentimento. Foi fermoso o noso percorrido naqueles días outonais, pola xeografía litoral que vimos de reseñar. Un percorrido familiar, por telo realizado noutras ocasións. Ó lle dar remate, pensabamos que pagaba a pena a nova viaxe. Pensabamos que os nativos do país e os foráneos deberían frecuentar non só as Rías Baixas onde o Atlántico durme, senón tamén as Rías Altas onde o Atlántico soña.