A VIDA SEXUAL DE CATHERINE M.

La Voz

OPINIÓN

PÁXINAS SOLTAS / Marina Mayoral

30 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Dende hai algunhas semanas a lista de obras máis vendidas en Francia está encabezada polo relato erótico La vie sexuelle de Catherine M. Trátase dunha autobiografía escrita por Catherine Millet, intelectual francesa de 53 anos, directora da revista Art Press, comisaria de exposicións internacionais e autora de varios libros sobre arte contemporáneo. Nesta obra conta, con pormenores e sen pudor, a súa actividade sexual dende a súa xuventude. Causou escándalo a enumeración dos seus múltiples partenaires, que ascenden a varios centos, aínda que so de 48 sexa capaz de recordar o aspecto. Os máis son individuos ós que atopaba en renións promiscuas nas que se entregaba a actividade sexual a través de todos os orificios do seu corpo e con varios homes ó mesmo tempo durante horas. O libro, ben escrito, divídese en catro partes. Na primeira, O número, fai fincapé na cantidade de homes (tamén ás veces mulleres); O espacio refírese ós lugares nos que tiñan lugar eses encontros (parques, estadios, clubes, e ata unha camioneta ante a que facían cola, organizados polo seu amigo, os participantes masculinos); O espacio recollido fala da súa preferencia polos sitios pequenos, que despertan nela a nostalxia do estado fetal. A cuarta parte, Detalles, detense nos pormenores do acto sexual e dos órganos que nel participan. A Vargas Llosa, que comentou o libro, soprendeuno desagradablemente a frialdade con que está escrito. Non hai pasión, di, nin misterio. É certo, pero hai outras cousas máis novedosas. Catherine Millet considérase unha mestra da felatio e dá abondantes testimuñas da súa pericia nesa arte. Fala do que ela fai co membro viril, do pracer que ofrece e recibe agarimándoo das máis diversas maneiras, (prescindindo por completo da persoa a quen pertenza e dos sentimentos que lle poda inspirar) co entusiasmo con que unha bordadora falaría do que é capaz de facer cunha agulla e uns fíos, ou un alfareiro cun pedazo de barro. Pensa Vargas Llosa que o máis escandaloso do libro quizá sexa a demostración de que o sexo, disociado por completo do sentimento, convertido en mera ximnasia carnal, non é privativo, como se creía, dos varóns. Coido que ten razón, que esa ruptura dun vello esquema sobre a sexualidade feminina resulta chocante e mesmo amedrentadora para moitos. Pero hai aínda máis. Para mín o interés maior do libro radica no esforzo da autora por deixar constancia de si mesma. Non ten ningunha intención reivindicativa, feminista, de liberación sexual ou social. É radicalmente individualista e non escribe para dar exemplo. Só da razón de si. O libro é a autoafirmación dunha muller que se confesa tímida e pouco dotada para a vida social. A través do sexo encontrou a súa maneira de relacionarse co entorno, e a través da escritura a súa realización persoal. O sorprendente, o escandaloso, é que ese desexo de autoafirmación sexa máis forte que todos os tabúes sociais.