VÍCTOR F.FREIXANES VENTO NAS VELAS
13 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Nos derradeiros anos do franquismo, no horizonte aínda distante (e bastante confuso) das liberdades democráticas, había tres revistas. Falo da miña xente e da miña xeración, por suposto. Unha era Triunfo, que dirixía Eduardo Haro, e na que colaboraba Vázquez Montalbán co pseudónimo de Sixto Cámara, entre outros. Era a xente do PCE, ou achegados, entre os múltiples e moi diversos compañeiros de viaxe. A segunda era Cuadernos para el diálogo, arredor do exministro Ruiz Jiménez e os demócrata-cristiáns. Tamén había socialistas. Dirixíaa Pedro Altares, con Vicente Verdú, moi novo, de redactor xefe. A terceira, era Indice, de Fernández Figueroa, unha extraña mestura de exfalanxismo radical e novo socialismo, con atención preferente á realidade hispanoamerica, na que lembro sobre todo unha magnífica e extensa entrevista con Salvador Allende, xa nos momentos críticos. Era o que liamos. Había unha cuarta, sen embargo: Destino, que dirixía dende Barcelona Xavier Montsalvatge. Eu lía Destino, ademais das outras. Teño os números todos que van dende finais do ano 70 ata o 73. Nunca me desfixen deles. Algúns amigos, os máis radicais, considerábana un chisco elitista (como se as citadas non o fosen) porque falaba de literatura, aínda que non só de literatura, e porque viña de Cataluña, da Barcelona burguesa e culta do Liceo, as crónicas de Sempronio, as notas de Joan Teixidor, os primeiros apuntos de Pere Gimferrer, Terenci Moix, Robert Saladrigas.. Pero tamén Umbral, Antonio Álvarez Solís, Eliseo Bayo, Néstor Luján, Dionisio Ridruejo, Masoliver, Miguel Delibes, Castellet, Jiménez Lozano... Postos a poñer etiquetas, hoxe a situariamos na órbita do catalanismo liberal. Un catalanismo aberto, non excluínte, integrador e moito influínte e poderoso. A semana pasada morreu o seu editor: Josep Verges, fundador da editorial do mesmo nome, xunto con Joan Teixidor. A revista en 1937; a editorial en 1942. Non puiden evitar un aquel de saudades. Algo do que un é está tamén nesas páxinas. En Destino (na súa colección Áncora e Delfín) publicaban os grandes. Entre os galegos, Álvaro Cunqueiro e Torrente Ballester: o Torrente de La Saga/Fuga (1972), que había de reconciliar a tantos coa narrativa española contemporánea. Escoiteille dicir unha vez a Verges: nunca edites nada que non penses que mereza permanecer. En tempos de tanta confusión e borralla, a frase aliviaría non poucos escaparates. Eu empezaba entón a descubrir o mundo das letras e a revista, sobre todo, me seducía profundamente: aquel vento europeo, culto, liberal e brillante que igual corría do lado do Ampurdam que de Nova York. Lembro unha entrevista magnífica de Monserrat Roig a Josep Pla no ano 72: Conversación con Pla en un día frío de finales de enero. Unha lección de xornalismo literario. Algo que non atopamos hoxe os quioscos, abofé, por máis que busquemos.