BENXAMÍN CASAL
14 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Segundo unha enquisa realizada por Sondaxe para este xornal, o voto dos emigrantes galegos en América decidirá, nas próximas eleccións ó Parlamento, quen gobernará Galicia durante os vindeiros catro anos. Somos moitos os que temos fortes vencellos familiares e afectivos coa emigración americana e a convicción da súa importancia na nosa historia pasada e presente. Somos moitos os que sabemos que o esforzo, a vida de sacrificio e a xenerosidade fronte ó seu país marcaron a traxectoria de milleiros de galegos que partiron cara América na primeira metade do século XX. Somos moitos tamén os que cremos que a eles se lles deben a redención de foros, a acollida agarimosa ós exiliados da guerra civil, a construcción de escolas nos recantos máis esquecidos de Galicia e o apoio a unha manchea de proxectos culturais galeguistas. Pero isto non impide que teñamos serias dúbidas sobre a lexitimidade do seu voto nunhas eleccións galegas. Flexibilidade electoral Os emigrantes votan como residentes ausentes, e neste concepto recóllense habitualmente ás persoas que, aínda que se ausentan de vez en cando da súa localidade de residencia, seguen a estar vencelladas a ela. O caso máis típico é o dos rapaces que, por curtos períodos, deixan a casa dos pais para estudiar noutro lugar e conservan a condición de residentes porque as súas ausencias son de pequena duración. O caso dos emigrados en América é moi diferente, xa que a maioría deles fóronse hai 50 anos e non volveron endexamais. Noutros eidos non electorais é moi difícil seguir sendo considerado residente. Por exemplo, cando un réxime fiscal favorable induce a solicita-la residencia nunha comunidade, se as ausencias do domicilio se prolongan durante varios meses pérdense os beneficios da residencia. Mesmo cando de datos estatísticos se trata, non se consenten ausencias prolongadas e Monforte de Lemos viu perde-los 20.000 habitantes porque algunhas das persoas que figuraban como residentes estiveran ausentes durante o período de realización do censo. Resulta entón incomprensible que as leis electorais sexan máis permisivas cás leis estatísticas e fiscais e que, a efectos electorais, non haxa caducidade para a residencia. Así chegamos ó absurdo de que decidan unhas eleccións galegas persoas que non coñecen a Galicia actual nin os seus problemas. Na grave situación que viven hoxe algúns países iberoamericanos, os nosos paisanos emigrados precisan evidentemente a nosa axuda xenerosa, pero non parece aceptable que se lles outorgue mesturada co tráfico electoral ou que se luxe a súa dignidade con humillantes manobras de votantes desaparecidos.