MARINA MAYORAL
25 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Este mes de agosto decidín que, ademáis de disfrutar do sol e das néboas galegas, ía aproveitar para ver a algúns amigos artistas que teño por aquí espallados e moi ben situados en lugares de gran beleza paisaxística. Empecei pola zona de Mondoñedo e, despois de visitar unha vez máis a praia das Catedrais, recalamos no novo taller do escultor Daniel Caxigueiro en San Martiño de Mondoñedo, onde hai unha das igrexas de estilo románico máis importantes de Galicia. O estudio de Caxigueiro, encravado nun val polo que corre un río, chama a atención pola modernidade da súa arquitectura, que recorda ó estilo da Bauhaus. Alí o artista traballa actualmente nun proxecto monumental de gran envergadura, que, a xuzgar pola maqueta, vai ser unha obra impresionante. E aínda lle queda para coidar das hortensias e dos magnolios. Flor, a súa dona, colega miña no ensino, asegura que é el quen se ocupa de árbores e flores. De San Martiño fumos para Ferrol, onde paseamos con Loureiro e Celia pola praia de Valdoviño, que foi o lugar onde rodou Roman Polansky A morte e a doncela, aquela película na que Sigourney Weaver, ó recoñecer en Ben Kingsley ó home que a tiña torturado e violado durante a represión política, ráptao e oblígao a confesar á verdade ameazándoo con arroxalo por un acantilado impresionante. Aí, nesa praia de olas enormes, coñecida polo poder medicinal das súas augas, báñase gran parte do ano meu amigo Loureiro, que parece sacar das ondas do mar o pulo que o leva a unha constante experimentación e a forza que despois pasa ós seus cadros. En fin, do mar e das tortillas de pataca que fai Celia, que son unha cousa moi seria. Dalí pasamos a Cacheiras, perto de Santiago, para ver a María Xosé Díaz, a quen teño case de veciña durante algúns meses do ano nas terras do sur de España. De momento eu prefiro o estudio de Cacheiras, onde ademáis das súas marabillosas esculturas podo disfrutar no xardín e na horta que os rodea das rosas, dos tomates sen sulfatar e dos kiwis que cultiva Paulino, home que en habilidades e recursos daríalle leccións a Ulises. A nosa última excursión foi á comarca da Cañiza en Pontevedra, onde, en Valdomar, teñen o taller Rosalía Pazo e Jesús Valmaseda. A obra de Rosalía coñecíaa da exposición última na Pardo Bazán na Coruña e dalgunha colectiva como Atlántica, pero a de Valmaseda só de ver cousas súas na casa doutros amigos e de catálogos. Agradézolles que nos deixaran, a min e ós que me acompañaban, entrar no seu mundo. Todos ficamos impresionados, porque poucas veces se ve unha parella tan centrada e tan inmersa no seu traballo como están eles dous. Ó saír dalí pensei: como Alfred Stieglitz e Georgia O''Keeffe; en vez do lago George, as montañas da Cañiza, que non lle teñen nada que envexar. E pensei que temos un fermoso país e uns bons artistas. E que un e outros deberían ser máis coñecidos dentro e fóra.