FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
05 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Os seus lectores sabemos moi ben que coa edición do ano de 1958 de Gabriela, clavo e canela, Jorge Amado rematou un ciclo característico da súa narrativa. A partir de entón foi tirando do prelo unha serie de novelas e romances en desacordo coa súa traxectoria anterior. Regresara daquela o novelista a Salvador, a súa terra natal. Alí producíuse o abandono dos compromisos sociopolíticos da súa literatura. Tamén a procura de valores estéticos máis conscientes. Acadou así unha síntese artística que lle permitiu poboar os seus libros de figuras folclóricas. Foron, xeralmente, negros e mestizos. Estamos a nos referir ás obras publicadas, sucesivamente, durante a década dos anos sesenta: Os velhos marinheiros, Os pastores da noite, Dona Flor e os seus dois maridos, A tenda dos milagres. O autor emprega sen exhibicionismos, na nova etapa, elementos peculiares que posúe. Por exemplo, os coñecementos pormenorizados dos ritos afro-brasileiros. Deixou o realismo social a prol doutro realismo, adrede máis pintoresco, fantasioso. Sitúao dentro dun esquema galistreiro que as súas coalidades de narrador nato lle permitiron levar con facilidade e habelencia. O rexionalismo de Jorge Amado é tan falso, en termos de realismo obxectivo, como o de Guimarâes Rosa. A realidade está nas súas criaturas, non nalgunha realidade socioeconómica exterior. A súa Bahía non será máis real que a Alexandría dos libros de Durrell. Aínda que nos dous casos teñamos a mesma sensación. A de que os feitos narrados pertencen a ámbalas cidades disfrazadas. Poderiamos interpretar a preocupación do novelista brasileiro, quizáis, como preocupación pola propia tesitura da realidade. Ollamos entón as realidades que non corresponden á realidade íntima, verdadeira, nunha consideración singular. Ollamos como son levadas, ou conforme con elas, en enxurrada de pormenorización humorística: o cadáver de Quincas Barro d''Auga, que reviviu a Morte pola familia cutre que el en vida despreciou. Resucitado polos seus compañeiros, danlle estes os funerais marítimos á existencia que levou. O falso capitán xubilado Vasco Moscoso d''Aragâo, que consegue levar a bó termo a súa primeira e única empresa naval. Así mesmo, dona Flor, dividida entre as diversas realidades representadas polos seus dous maridos nunha novela cómica. Novela que ten como tema central o amor entre home e muller. Oponse nela convencionalismo e inconformismo. Ou quizáis razón e fantasía. No fondo, o tema do libro, complexo e rico, ofrece unha singularidade: ven ser, principalmente, o individuo e as súas necesidades como individuo. Despois de consideradas as características das novelas de Jorge Amado, pregúntase un: ¿Trátase de que o autor, ó igual que Guimarâes Rosa, son feitos aillados ou son representativos do rexionalismo tradicional brasileiro? O exame de ámbolos dous novelistas máis parece confirmar a segunda hipótese. E dun xeito especial, pois Adonais Filho e Maria Alice Barroso presentan semellanzas interesantes, se cadra significativas, de visión.