LUISA CASTRO
17 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Moi preto do lugar onde se erguían as Twin Towers hai un centro comercial inmenso onde unha amiga compra a roupa dos nenos para toda a tempada de inverno, un local dos moitos que hai en Nova York onde se pode atopar desde a roupa de saldo máis barata e artículos de segunda man ata marcas carísimas dos deseñadores máis buscados. Toda a roupa dos desfiles de moda viña parar alí, rebaixada. Se mal non recordo, aquel centro comercial estaba practicamente ó pe das Twin Towers, nesa área extrema da illa de Manhattan que algunha vez paseei á procura das gangas que sempre atopaban os outros antes ca ti. As Torres sempre foron moito máis espectaculares vistas de lonxe. Alí mesmo, todo o complexo arquitectónico do World Trade Center, coa súa presencia altiva, anulaba practicamente a curiosidade do paseante, cos ollos desbordados pola súa perspectiva inaprensible. Anulaba tamén dalgunha maneira a presencia humana que poidera haber por alí. Despois da recentísima traxedia da súa destrucción, unha quédase coa impresión de que os miles de persoas que sucumbiron baixo os seus escombros non son nada ó lado da magnitude do destrozo simbólico e arquitectónico. Unha vez máis os monstros monumentais e simbólicos acaban acaparando a atención da traxedia humana. Escribo isto cando aínda non se viron imaxes, se é que as hai, do despedazamento humano. Estamos acostumados a que as televisións nos mostren sangrías e mutilacións de todo tipo, e sen embargo nesta ocasión o único espectáculo que a televisión nos trae é a mutilación da paisaxe arquitectónica e o do derrube das torres. Os mortos son só unha cifra polo de agora, e os nosos ollos quedan á espera do que virá daquí en diante, como se o impacto non nos deixara deternos aínda nas terribles consecuencias do atentado. Tamén cerca dese centro comercial había un ximnasio municipal ó que asistín durante todo o inverno que pasei alí, un ximnasio provisto de máquinas e instalacións que non ten nin o mellor clube deportivo de calquera cidade española e que frecuentaba por un precio moi barato calquera cidadán de Nova York. O World Trade Center pertence tamén ó distrito de Tribeca, unha demarcación moi gráfica que alude ó triángulo por debaixo de Canal Street (Triangle Below Canal), a punta de lanza da illa de Manhattan, onde se aloxa unha importante comunidade artística, que se instalou alí a principios dos setenta en lofts de grandes dimensións e precios moi baratos e que hoxe é un dos lugares máis buscados por artistas e galeristas, onde levan tempo instalados algúns dos nosos mellores escultores e pintores galegos e españois. Esa vida misturada de Tribeca, de artistas e financeiros, de ximnasios e centros comerciais, é o que agora estala polos aires; non as Twin Towers, que xa son só escombros, senón a experiencia humana do traballo de miles de homes que desde ese lugar privilexiado, febril e ó mesmo tempo desolado, nos marcaba cada día ata hoxe as tendencias económicas e artísticas. Para todos nós é unha incógnita o que vai suceder, pero unha ten a impresión de que o derrube dun dos maiores símbolos do mundo occidental non fixo máis que empezar, e que nos próximos días, meses e anos poderemos ir comprobando o seu efecto nas nosas vidas, por agora conxeladas diante da televisión, coa sensación, non sei se equivocada, de que o progreso mundial non poden pender do pico dunha torre.