BENXAMÍN CASAL
27 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A aparición da enfermidade das vacas tolas leva causado importantes danos á gandería galega. Amais dos danos directos, a desconfianza xerada diminuíu fortemente o consumo, sen que se vexan posibilidades de recuperación da demanda ó non haber perspectivas de solución da enfermidade a prazo medio. Perante esta situación o Goberno español pretende frea-la producción e para iso elaborou un programa de reestructuración do vacún de carne. Estamos fronte a outra reconversión que vai afectar a un sector estratéxico do noso aparato productivo. Os productores cren que, tal como está concibida, obrigará a pechar milleiros de explotacións familiares. Prevese que tódalas medidas que se adopten deben respecta-lo medio, protexe-la seguridade alimentaria, informar ó consumidor sobre o producto e garanti-lo benestar dos animais e para a realización destes obxectivos, incentivaranse os modos de producción que se estimen máis axeitados. Os métodos de producción utilizados hoxe en día poden reducirse a dous: o dos cebadeiros, sen terras, provistos de tenreiros procedentes de explotacións leiteiras, con alimentos de fóra da explotación; e o método tradicional no que os xatos son fillos das vacas nais da propia explotación a cal dispón de suficiente superficie para producir alimentos para todos estes animais. Se o Goberno quere primar ós gandeiros con máis posibilidades de afronta-la crise, atendendo só a criterios economicistas, a producción dependerá duns cebadeiros abastecidos con tenreiros procedentes de cortes de producción leiteira intensiva e cunha alimentación con riscos para a saúde humana e animal. Tamén, a causa das cargas gandeiras excesivas, aumentarán a contaminación de solos e augas e a polución atmosférica. Se a capacidade futura de producción se reparte en función da actual, cométese o grave erro de medi-las posibilidades de producción polo efecto derivado sen ter en conta a real capacidade productiva que reside no capital bovino representado polas vacas nais. Galicia xera o 15% da carne producida en España, mentres que posúe máis do 22% das femias productoras. Distribuír en proporción á producción cárnica de hoxe supón aceptar unha situación e unhas fórmulas que deron lugar ós problemas que padecemos. En troques, repartir segundo o potencial de femias asegura a continuidade do sector ó asentalo sobre a terra e as vacas. Cómpre apostar por modos de producción, como o tradicional galego, que contribúan a mellora-la imaxe do sector gandeiro e a recupera-la confianza dos consumidores. Por riba protexeranse as razas autóctonas, as zonas desfavorecidas onde elas están establecidas e a agricultura biolóxica que veu sendo o modo habitual de producción en Galicia dende hai séculos. Sen esquecer que a habelencia dos nosos gandeiros, en materia de producción de xatos, como dixo A. Bouhier, permítenlles obter uns resultados comparables ós dos mellores tenreiros de Francia, os famosos de St. Etienne.