BENXAMÍN CASAL
05 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda que resulte abraiante, durante a campaña electoral, a penas se falou da reconversión gandeira anunciada o pasado agosto. Agora o tema volve a agromar e quizais non sexa ocioso lembrar algúns feitos históricos que reflicten moi claramente as posibilidades, a vitalidade e a capacidade de supervivencia da gandería galega de vacún de carne. Dende hai moito tempo, o campesiño sabe compaxinar, tanto na producción animal como na vexetal, as formas intensivas máis requintadas coas extensivas aparentemente máis rudimentarias, e combinalas segundo o producto que en cada momento se demanda. A moitos resultaralles incrible escoitar que ese paisano, tantas veces acusado de rutineiro, sabe evolucionar e adaptarse ó mercado cando cambian as condicións e xa non é posible conseguir ganancias cos métodos que ata aquel intre se viñan empregando. Hai que crelo porque pode documentarse. A fins do século XIX, o gandeiro galego estimulado pola posibilidade de vender animais dun determinado tipo ó Reino Unido, abandonou o sistema de ceba do gando vacún que viña utilizando, para introducir formas máis intensivas que lle permitiron obter o chamado boi cebón que o mercado inglés pedía. Cando, por circunstancias que non son do caso, pero que de tódolos xeitos eran alleas á calidade do producto, se perdeu este mercado, o gandeiro deixou de producir o boi cebón e buscou novos mercados tratando de orientar a producción ás esixencias deles. Por unha banda, cara ó portugués, para o que produciu unha vaca de media ceba; por outra, cara ó español (Madrid, Barcelona, Zaragoza) para o que criaba un xato de seis a doce meses. Máis adiante, nos arredores do último tercio do século XX, fixo o labrego o que por agora é o derradeiro cambio, os xatos deixaron de criarse co leite das vacas e encetouse un potentísimo comercio leiteiro. Pero esta adaptación esixiu unha modificación aínda máis fonda, pois que ocasionou a substitución da raza preponderante, a rubia galega, pola frisona, máis especializada na producción de leite. A pouco que se lle axude e se lle dean oportunidades para saír dunha situación da que non é responsable, o labrego galego ten recursos e flexibilidade de abondo para axeitarse ó panorama actual de demanda retraída e desconfianza dos consumidores. Os que coñecen os mercados de carne, español e europeo, saben que non só é preciso contar coa producción do noso gando, senón que facelo así é unha maneira segura de garantir a calidade e a sanidade do producto. Así as cousas, non é admisible falar alegremente de extinción de explotacións familiares -Guedes dixit- sabendo que sobre elas repousa a producción de carne da maior calidade. A gandería de vacún foi, aínda é, e debera seguir sendo o punto de remate de boa parte do sistema agrario galego e nela reside tamén un dos alicerces máis importantes da economía deste país. Non convén esquecelo.