VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS
16 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Agora resulta que a culpa é de Beiras. E máis de Barreiro, que dirixe dende as trincheiras o movemento de masas. Supoño que a lista pode ampliarse a algúns máis. O rector Domingo Docampo, por exemplo, que ía na manifestación de Vigo. E os ex-rectores Villares e Pajares, que tamén se pronunciaron. E Darío Villanueva. E o propio Meilán Gil, na Coruña, que aínda que un pouco por libre, porque disque xa fixo os deberes antes cós outros, non oculta tampouco a súa oposición, que é a oposición dos claustros. Non merece a situación tanta simpleza, francamente. Case cen mil estudiantes movilizados en toda Galicia (maila contestación que se manifesta cada vez con máis firmeza no resto de España) é un acontecemento que debería obrigar á reflexión, porque algo está pasando, e isto tamén o sabe (aínda que non o diga publicamente) o Partido Popular. A actitude do presidente Aznar non é nova: «Defendella e no emendalla», na tradición dos vellos infantes do romancero. Unha vez tomada a posición, ¡nin paso atrás! É unha cuestión de honor, e de autoridade (entendida desta maneira). ¿Qué futuro ten unha lei que nace coa oposición activa de practicamente toda a comunidade na que deberá ser aplicada, ademáis de case o 50% da representación parlamentaria? ¿A desobediencia civil, tal que chegou escribir hai pouco o rector Peces Barba? ¿Tamén el é un instigador? Volvemos á nosa idea de principio. Non estamos a falar do imposto da gasolina. Falamos de poñer as bases dun modelo de ensino para a formación superior do capital humano, factor fundamental para o desenvolvemento intelectual, político e económico, algo que non se pode enxergar con resultados a curto prazo, senón na perspectiva estratéxica de quince ou vinte anos, o que debería esixir, xa que logo, o máximo consenso posible e a máxima estabilidade. Tiña un certa esperanza no encontro entre os rectores e os parlamentarios. Poida que aínda non haxa que perdela. O Senado é unha oportunidade. Levantemos o pedal da aceleración e recuperemos o diálogo, que non deberiamos reducir exclusivamente ós políticos, senón que debe atinxir a tódalas forzas sociais (tampouco unicamente á comunidade universitaria). O feito de que a sociedade, no seu conxunto, non saiba exactamente as razóns profundas do conflicto, e que mesmo algúns comentaristas falen de axendas ocultas para explicalo, é un síntoma de que as cousas non se fixeron ben. Pero tamén unha ocasión para recuperar a información e o debate, incluída a televisión, se for necesario. As audiencias estarían garantidas. Preocúpame e asústame, como cidadán e como universitario, esa actitude do honor mal entendido, tan propia do país. Ceder, ou reconsiderar os modos, buscando fórmulas para encontrarse, non é unha derrota, senón un acto de intelixencia e de talante político, cuestión da que desgraciadamente andamos bastante escasos. Nesta materia e noutras.