ANSIA DE LIBERDADE

La Voz

OPINIÓN

PABLO GONZÁLEZ MARIÑAS

18 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Fai xa uns cantos días, na representación de A Gaiola no Teatro Colón, de A Coruña, respirábase no ar un recendo de ansia de liberdade non tutelada, que era ao tempo reconfortante e desacougante. A escena, espida de todo adorno superfluo, cobexaba seres humanos inconformistas que querían ver qué había fóra do paradiso, que ansiaban coñecer, aínda a risco de ter que arrostrar alá a dureza e o desconforto da vida non tutelada. E ata as luces, sempre ascendentes, parecían eleva-los aínda máis no seu propósito. Só os anxos custodios permanecían alleos, sen comprender o drama, seguros e contentos no seu edén. Eu matinaba en tanto en Sören Kierkegaard, que tiña tamén un pai severo e tutelante. Sören quería unha vida máis libre, saír, viaxar e tenta-la fortuna... Pero o pai preguntáballe a ónde quería ir e, cando o fillo llo dicía, explicáballe polo miudo o traxecto desa hipotética viaxe. E, rematado o relato, finalizaba sempre da mesma maneira: agora, despois dunha viaxe tan longa, o mellor é que descansemos. Na casa, por suposto, que é onde mellor e máis seguro se está. Un bó día Sören fuxiu da súa casa.