BENXAMÍN CASAL
20 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Loxicamente ós membros da dignísima profesión de enxeñeiro agrónomo, cunha historia de case 150 anos, tenlles que preocupar que un ministro teña problemas pola súa culpa. Todos vostedes, coma min, darán por suposto que, se eles os crearon, foi sen ser conscientes de facelo. Non se decataban de que a súa acción podía ocasionar problemas a un terceiro, e a un terceiro tan importante. A esa ignorancia se debe que foran contumaces e dedicaran anos da súa vida a consumar o erro. A responsabilidade do pecado haberá que adxudicarlla á súa atolada xuventude. Polo sucedido, a autoestima destes profesionais pódese resentir ó saber que a súa profesión ten un escaso mérito, dende que o ministro falou deles no Congreso dos Deputados, e ó lamentar que pola súa incapacidade Rato tivese un problema. Por riba, algúns non quererán que se difunda algo aínda máis grave, que non son de León, nin amigos de Rodríguez Zapatero, circunstancias que agora aparecen como masters adicionais da carreira. Polo que a min respecta direilles que este asunto atínxeme dun xeito directo. Algúns dos meus lectores xa o saben e, para ser leal cos demais, estou na obriga de confesalo. Confeso que son enxeñeiro agrónomo. Tamén que non son de León, pero no meu descargo teño que dicir que a miña provincia é lindeira coa leonesa. Por outra banda, se o certo é que con Zapatero nunca falei, podo afirmar que se o vexo podo recoñecelo, aínda que el non me recoñeza a min. É algo, non si. Declaro o meu desvarío, sen embargo se hai compañeiros moi afectados, mesmo se algúns están pensando en pasar á clandestinidade, asegúrolles que non nos denunciarei anque sexa interrogado polo famoso senador Mac Carthy, xa saben aquel da caza de bruxas nos EE UU. A todo isto, en Lugo, na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos, onde se imparte o ensino desa carreira, os alumnos puideran estar a piques de entrar nunha situación de inseguridade na procura de solucións para o seu futuro. De entre as propostas que debaterán, os lectores da prensa salmón poderán suxerir que se transforme a Escola en Axencia de Valores, comezando, a xeito de proba, coa instalación dun chiringuito financeiro no laboratorio de Termodinámica. Pola contra, os alumnos máis asisados, que afortunadamente son maioría, seguro que proclamarán unha innovadora teoría que se resume no seguinte: O problema de Rato parece que somos os Enxeñeiros Agrónomos, pero o evidente é que os problemas dos españois son Camacho, Ramallo, Giménez-Reyna, Valiente e os poderosos amigos que os protexen. Eso si que é un ramallo de problemas.