INSOMNES

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO DE SOL A SOL

28 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Deixou de durmir mentres as bombas caían sobre o recóndito edén de Bagdad. Bagdad podía ser Kabul, a invisible Palestina, os dedos rotos dun corazón en Euskadi. Sabía que os insomnes eran un batallón. Unha tribo que se decidía rebelarse constituiría un perigo para a civilización do sono. Pensou en Taxi Driver. Cando Robert de Niro conducía cada noite na procura dun horizonte, con forma de muller, que aliviase a maldición da súa vida (como a sombra do aire sobre a herba, que escribiu Pimentel). Preguntábase nas súas interminables noites, paseando o corredor do mencer, sobre o número exacto dos seus irmáns insomnes. Cántos, ónde, cómo. Sabía que durmir era verbo irregular para unha absoluta minoría. Pensou xuntalos a todos. Escribir cartas no periódico, correos electrónicos, correspondencias aos enderezos que a guía telefónica ofrece. Xuntáronse centos, miles. Na fin de 2001 andaban matinando nas posibilidades dun mundo mellor. Pero o mundo durmía, e durmía. A eles, insomnes, só lles quedaba a posibilidade do mutuo alivio. Abrazar o frío da madrugada mentres unha sombra, inmensa e infame (Kabul, Palestina, Euskadi) camiñaba sobre a herba dos días.