FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
10 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Eça de Queiroz era un portugués norteño. Criouse entre Vila do Conde e Póvoa de Varzim. O final da súa vida produciuse en París. Nesta cidade, onde desempeñaba o consulado do seu país, pensaba en Portugal. Queixábase da súa saúde naqueles días de debalo. A tisis ía vencendo a súa feble natureza. Cada vez facía unha vida máis retirada, máis isolada. Unha das máis íntimas teimas nese tempo consistía en escribir a novela que tiña bosquexada: A cidade e as serras. O seu patriotismo andaba a estilizarse. Cada día que pasaba medráballe con máis tenrura o amor ó seu país e á súa paisaxe. Desexaba expresalo no libro que planeara. Sobre el xa viña traballando desde había meses. Tiña riba da mesa un feixe de probas corrixidas, outras sen repasar. Nas primeiras anotara que podían imprimirse. Pero decorreu o tempo sen que adiantase moito na segunda parte. A cidade e as serras inspirábase no regreso da civilización á naturaleza, en precura da felicidade humana. Escribía o autor con intervalos de canseira. Outras veces, con entusiasmo de patriota. O labor interrumpíuno durante un paréntese de dous meses que pasou en Lisboa. O sol gasalleiro da cidade confortou o seu ánimo. Rematada a estadía regresou a París. Volveu á súa oficina consular, e a proseguir o libro encetado. Vivíu unha semana de recrudecemento da doenza. Ó se producir unha transitoria melloría, resolveu viaxar de novo á capital portuguesa. Foi esta a derradeira viaxe que realizou ó país amado. Cada día miraba con maior agarimo a Portugal, á súa campía, á súa tradición. Disfrutou duns días engaiolantes no campo, na casa de S. Domingos a Lapa, co seu grande amigo o conde Arnoso. Unha tarde os condes, na compaña dalgúns achegados, escoitaron a voz do escritor, máis soave e acariñadora. Leía a primeira parte de A cidade e as serras. Alfredo Guimarâes, que ó entrar na sá atricara a lectura, ficou entusiasmado ó ouvir a prosa. Díxolle a Eça que era tan belo o que escoitaba que lle pedía permiso para ofrecerlle un agasallo: dúas cadeiras da época de D. Joâo V que figuraban na súa colección. Despedíuse Queiroz de Portugal para voltar a París. Non daban chegado as cadeiras ofrecidas polo admirador nunha arroutada de entusiasmo. Comunicoullo ó conde de Arnoso, sinalando que con saudades do seu tempo volveran cara atrás, cara D. Joâo V. Daquela, o curso de desenvolvemento da novela volveu atricarse. Era polo verán do 99. Por consello dos médicos, o autor residíu durante unha pequena tempada no campo. Nunha aldea preto de Chaumes, entre o Sena e o Marne. E outravolta en París, a se recochar na súa casiña de Neully. A saúde do narrador non acompañaba as súas ideas. A mesa estaba aínda chea de probas de A cidade e as serras. Estaban por corrixir as derradeiras galeradas. Nas descripcións bucólicas da serra portuguesa puxo os últimos acentos da súa alma lírica. Pulíu a prosa limpa, lapidaria, con recendo dos clásicos. Eça vivía xa só para o seu país. Ollábao, nos paseos solitarios do cuarto, como unha luciña lonxana, como a estrela do serán. Chegou a hora do pasamento. Escoitáronse saloucos reprimidos. Queiroz xa non estaba alí. Xurdíu despois o porto lisboeta sen carabelas. Era o caldelo de setembro. Un vaporciño gris beilaba no Tejo rodeado de barcas. Como unha góndola avantada, o cadaleito envolto nunha bandeira azul e branca. Crespóns nos ollos das casas que choraban camelias de Cintra...