BENXAMÍN CASAL
13 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na dictadura, despois dunha guerra, os vencedores impuxeron un sistema baseado na exclusión de todo o que tivera relación cos perdedores e mesmo do que fora diferente. Á chegada da democracia houbo un desexo bastante xeneralizado de integración. O espírito da Constitución de 1978 foi precisamente o de configurar un marco de convivencia o máis amplo posible, dentro do que puideran estar xuntas sensibilidades políticas diversas, tanto no que atinxe ó individuo (dereita - esquerda), como no que se refire ós pobos (centralismo - autonomía). Pluralismo e diversidade eran a base do sistema. Efectivamente no Estado das Autonomías, que nesa Constitución se institúe, establécese un difícil equilibrio entre dúas tendencias: a unificadora que representarían os partidos estatais de presencia en toda España e a diferenciadora que, ó recoñecer a personalidade das nacionalidades que conforman o Estado, correspondería representar ós partidos nacionalistas con presencia unicamente en cada unha delas. Desprezo ás nacionalidades A tendencia unificadora, que, durante séculos, exerceu o seu asoballante dominio, tratou sempre de propagar un sentimento de desprezo ás diferentes nacionalidades. En 1973, Dionisio Ridruejo lamentábase da desatención de Madrid pola literatura catalana na súa lingua e consideraba grave que a esta ignorancia estúpida algúns lle chamasen patriotismo. Un pouco máis tarde, segundo Herrero de Miñón, a postura intransixente dalgúns membros da UCD impediu integrar ó PNV no consenso constitucional coas consecuencias que aínda hoxe estamos a sufrir. Neste mesmo ano, Aznar utilizou todo o seu poder para lograr que o PNV non formase parte da Internacional Demócrata de Centro, pouco tempo despois de que este partido vasco e máis CiU foran excluídos do Consello Superior do Poder Xudicial, do Tribunal de Contas e do Tribunal Constitucional, esquecendo que a lealdade constitucional esixe a presencia de representantes de partidos nacionalistas nestes órganos. En troques, no noso país, despois dun comezo pouco prometedor, expresado na frase «o mellor para Galicia é a desaparición do BNG», coa que se excluía a opinión de máis de 300.000 galegos, nun sistema onde os únicos que poden excluír son os votantes a través dun proceso electoral, a VI Lexislatura ábrese cun xesto de concordia que cómpre saudar con esperanza e felicitar ó presidente da Xunta polo seu desexo de ser presidente de todos os galegos. Non se pode agochar que non vai ser doado o avance polo camiño da integración e o diálogo. Nada máis producirse o apertón de mans entre Fraga e Beiras, xa se escoitan voces ás que resulta difícil abandonar o vieiro cómodo de gobernar só para uns cantos, anque sexan a maioría, ou oporse sempre, pase o que pase. Mesmo con eses atrancos, hai que insistir nesa dirección porque o camiño iniciado é o que pode dar máis froitos para Galicia.