BENXAMÍN CASAL
27 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Nos seus comezos, o cine non conseguiu dar sensación de realidade total por deficiencias técnicas de imaxe e son, pero a medida que se foron superando estas eivas, foise facendo difícil distinguir ficción de realidade. Para que foran doadamente diferenciables, en tempos pasados, nos cines españois proxectábase primeiro o NO-DO (a realidade, anque estivera máis ou menos maquillada) e despois a película (a ficción). Pero agora, que, sen saír da casa, pola TV, contemplamos unha mestura de todo tipo de eventos reais ou finxidos, cómpre un exercicio de perspicacia para establecer os límites da verdade. Estes días, tamén dende as nosas casas, acabamos de asistir a estrea mundial dunha curtametraxe de procedencia descoñecida, distribuída pola cadea CNN, que se podería titular Todo sobre Bin Laden. A súa proxección vén avalada polo propio Bush, anque logo de certas dúbidas para autorizala. O producto ten o aire dos filmes de baixo presuposto rodados polo free cinema nalgúns pequenos estudios do Village novaiorquino. Tanto a recreación do ambiente da cova, que serve de guarida ó protagonista, como a linguaxe entrecortada, a iluminación insuficiente e os rostros esvaídos queren darlle verismo á escena e tentan levar ó ánimo do espectador as dificultades dunha rodaxe efectuada nas profundidades dun tobo. Preténdese conseguir a sensación de que o obxectivo indiscreto penetrou nas espenucas de Tora Bora. No guión atopamos algúns detalles que, cando menos, inducen á perplexidade. Por unha banda, non se pode entender por qué razón se adoza a personaxe principal atribuíndolle a tan sanguinario terrorista proxectos de destrucción de dúas ou tres plantas das Torres Xemelgas, claramente inferiores á súa capacidade de barbarie. Despois de achaiar Afganistán para capturalo, non encaixa ese interese por minimizar a maldade do terrorista. Por outra banda, cando levan meses dicíndonos que Bin Laden é millonario, sorpréndenos que se nos presente como un pobretón incapaz de mercar un aparato de TV e menos aínda unha parabólica, o que lle obriga a coñecer os resultados do atentado por unha radio semellante ás que usaban os estudiantes na posguerra española. Sen embargo ten cámara para filmar o vídeo, e medios para multiplicar a cinta e deixárllela de agasallo ós seus inimigos americanos. Como a auténtica ficción supera sempre a certas realidades, se se trataba de facer unha película sobre os árabes, os cinéfilos seguiremos a acreditar máis no Lawrence de David Lean que nestes apócrifos de pouca monta, e se se quería amosar cómo se fabrican probas para inculpar a alguén previamente definido como culpable, preferiremos o Touch of evil de Orson Welles.