POLÉMICA IMPOSIBLE

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

01 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O outro día dixen aquí que non me gustaba Carolina Otero, a rapaza de Valga que se fixo mundialmente famosa como La bella Otero. A miña amiga Marina Mayoral, compañeira nestas páxinas do periódico, escribiu un artigo para dicir que non estaba de acordo comigo, acostumado á fermosura das suecas, cunha das cales vivo desde hai máis de trinta anos. Respecto desto último, debo dicir que as mozas do norte, que normalmente son altas, delgadas, louras e de ollos azuis, non sempre son bonitas. Eu coñézoas de todos os aires e estilos, aínda que case sempre son agradables, cultas e intelixentes. Cousa importante. Respecto de Carolina, poida que estea equivocado. Foi tema de conversa na cea de fin de ano, que celebramos xuntos un grupo de amigos e amigas. Como as opinións era diverxentes, o cal resulta inevitable (e saudable) en toda discusión, tratamos de resolver o problema da maneira máis obxectiva posible, ou sexa, de xeito imposible. Collemos o álbum de fotos da bailarina que puxo tolos a varios reis e dedicámonos a mirar e opinar. En xeral, as mulleres coincidiron en dicir que se trataba dunha moza moi guapa. Os homes, polo contrario, fomos menos entusiastas. Está claro que no seu tempo debía haber menos dúbidas ó respecto, pois espertou paixóns que levaron a varios dos seus admiradores ó suicidio e a outros conduciunos á ruína. O que debe saber desto é Ramón Chao, que tamén colabora neste periódico, e que a coñeceu e visitou en Niza, cando era unha velliña sepultada na miseria pola súa afección á ruleta. En todo caso, que fose guapa ou non tan guapa, tanto ten. Debía ser boa xente, cando decidiu deixar herdeiros da súa pobreza ós pobres de Valga.