DIGNIDADE UNIVERSAL

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

14 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Non sei se aínda se sigue practicando o costume de expulsar ós nenos da aula cando se portan mal. Na miña infancia, e aínda moito despois, era frecuente, e ás veces ía acompañado dunhas labazadas. Eu fun víctima dese castigo pedagóxico nun par de ocasións, se mal non recordo. A segunda, pouco antes de ingresar na universidade, cando me pillaron lendo a Juan Ramón Jiménez nunha clase de filosofía. Curiosamente, anos despois, o profesor que me impuxo o castigo sería o encargado de presentarme nun acto celebrado no Liceo de Ourense no que eu lin uns poemas. Recordouno el nas súas palabras de introducción. A primeira vez fora antes, na escola. Resulta que o mestre estaba explicando que «Felipe el Hermoso, o marido de Juana la Loca» (dous nomes capaces de facer rir a calquera neno normal), morrera por beber un vaso de auga fría despois de xogar un partido de pelota. Deume un ataque de risa. Non podía imaxinar que un home tan principal morrese dunha forma tan ridícula. Un rapaz só pode pensar na morte heroica de príncipes e reis. Confeso que a mesma sensación me entrou onte pola mañá, durante o almorzo, cando escoitei na radio a noticia de que o presidente Bush estivera a punto de morrer a noite anterior atragantado por unha galleta. Polo visto, estaba vendo a televisión el só na Casa Branca, cando tivo o antollo de papar unha pequena lambetada, e xurdiu o accidente, que case ocasiona unha morte de opereta, indigna do home máis poderoso do mundo. Menos mal. En primeiro lugar por el, pero tamén pola dignidade universal. Só de pensar no parte oficial, dicindo que o presidente dos Estados Unidos morrera por culpa dunha galleta, ponse a pel de galiña.