BENXAMÍN CASAL
18 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A idea que os cidadáns das comunidades españolas teñen sobre as virtudes e os defectos dos doutras comunidades vai creando uns estereotipos que, aínda que denotan preguiza mental e non contribúen ó coñecemento de persoas e colectivos, son de uso xeneralizado na maioría dos eidos da vida cotiá. No ano que xa rematou, fora moi comentado que o fiscal do caso Mijas utilizase o concepto que el, ou quizais os andaluces ou incluso o resto dos españois tiñan dos galegos, para interpretar e, o que é máis grave, calificar a actuación dunha acusada de asasinato. Cando este perfil do galego tipo serve case como elemento de proba na análise dun crime, non nos pode estrañar que, a todos os efectos, este sexa o que manexan o resto dos españois para relacionarse con nós. Na configuración deste estereotipo interviñeron elementos económicos e históricos, pero tamén está, en grande medida, condicionado pola consideración que temos de nós mesmos. Cando os galegos nos enfrontamos coa caricatura que os alleos fan de nós, frecuentemente non reaccionamos rexeitando a inxustiza ou o aldraxe desa imaxe distorsionada e como consecuencia reforzámola co noso silencio. A falta de seguridade de que o noso poda ser bo por si mesmo, fai que necesitemos referentes. Se a persoa ou a cousa é galega, xa dubidamos dela e cómprenos apoiala noutra de fóra. Así Oseira ten que ser o Escorial galego, A Coruña a San Sebastián galega e os políticos, teñen que ir a Madrid a que lles dean o sinal de bos e os apreciemos. Como a lingua é o cerne da nosa natureza de galegos, no relacionado con ela tamén se manifesta con maior virulencia a nosa falta de autoestima. Algúns galegos castelánfalantes non teñen inconveniente en dicir: etarra, ertzaina ou zulo. Aínda que haxa palabras castelás que as substitúan, non as usan. Utilizan as vascas sen problema. En troques din La Coruña ou Orense, e apelan á liberdade e ós dereitos humanos para non dicir A Coruña nin Ourense. ¿Qué pasa pola mente desas persoas galegas que renuncian a verbas castelás cando se trata das vascas e non queren facelo polas galegas? Quizais consideran que utilizar o seu idioma as degrada, e por iso o rexeitan; no fondo queren agochar que son galegos. Neste contexto, pola contra, o proxecto de La Voz de Galicia, que naceu o pasado día de Reis, é unha auténtica declaración de autoestima e un antídoto contra as nosas inseguridades. Como neses 120 libros, que editará a Biblioteca Galega, está condensada a requintada expresión do noso ser, teño por seguro que a sementeira de galeguidade que tres millóns de libros espallados por toda Galicia significa, ha dar considerable froito na afirmación do noso orgullo de galegos.