FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
21 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Moitos lectores semellan preferir na obra deste escritor o canto do vello Rio de Janeiro. As rúas con nomes evocadores, ensombrizadas polo pasado. Nunca as describíu coa obxectividade balzaquiana. Pero creou de novo, suxerindo con dous ou tres trazos vivos a alma dun ambiente. A súa sombra integrouse na toponimia da vella cidade, esparexida entre o mar e as montañas, dado de gracia e de pasado. Porque ningúen máis plástico ca el, e máis celoso da esencia psicolóxica. Embebíao de cheo a precura dunha xeometría moral. Os seus ollos de zahorí, albuscando transparencia, non sabían deterse na sensualidade das formas. Ó noso ver, Machado de Assis non foi un creador de persoaxes no sentido da ficción realista. Era un autorretratista, capaz de pintar moi ben certos retratos cando compría. Pero non por iso resultaba menos introvertido. Viña ser el mesmo a materia, o bosquexo, o corpo da súa obra. Non pintou, polo tanto, o Rio do seu tempo. Nen a xente, nen o ambiente da época que lle tocou vivir. Puido así cultivar a súa paixón de análise psicolóxico máis libremente. Así mesmo o desafogo indirecto, velado, algunhas veces inconsciente, do seu pesimismo. O gran escritor adquiríu gran releve na paisaxe literaria do Brasil. Transformou unha prosa modesta nun rico instrumento de suxestións e modulacións. Estaba revoando sempre ó redor do mesmo punto, como volvoreta atraída polo foco luminoso. Por dilingueiro que pareza, non acadaba erguer o vó alén dos seus horizontes familiares. Pensamos que Machado de Assis gaña moito cando se le pouco a pouco, ou con longos intervalos. O conteur levou case sempre garantida a vantaxe sobre o novelista. No conto atopábase o autor empecido de se entregar vertolán ó humorismo gratuíto. Se nos paramos a apreciar as características que o singularizan, batemos cun feito; o de asumir unha colonia de almas contradictorias, como toda personalidade complexa. O nihilista feroz foi un cidadán exemplar. O escéptico fundou unha Academia de Letras. O cínico deleitábase mentalmente coa compaña da refalsada Capitu, aínda que amou á meiga Carolina. O humorismo era a conciencia de todos estes contrastes. Significouse Machado como un gran pesimista. O punto de partida do seu pesimismo era unha doenza. Nesta doenza contíñase a inclinación temporal do seu xenio, do seu illamento. Tamén a súa implacable lucidez. O homem subterráneo vivíu afastado de todo, dun estar sempre a dous pasos da morte. Tentouse explicar ó escritor brasileiro co prisma do humor. Tal tendencia explicativa prexudicou moitas veces a comprensión profunda do seu drama. Porque non había nel só un humorista improvisado. Un humorismo que lera a Sterne e creou unha obra literaria interesantísima. Había tamén un home ferido nas fontes da propia vida, que reaccionou co orgullo inconsciente do xenio. Se ben o miramos, déronse en Machado tódalas pezoñas e tódolos esluídos do pensamento. Só a indiferencia é a morte. O que lle forneceu sentido á súa obra foi aquela inquietude que nunca se resigna de cheo.